'Phone', teatro para salvagardar as linguas

A cidade norueguesa de Tromso acollerá un primeiro encontro presencial do proxecto europeo Phone, deseñado para a posta en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas, no que participará a compañía galega Moving Compass.

Os limpabotas, Nino&Mambrú, da compañía galego-francesa Moving Compass (Nós Diario)
photo_camera Os limpabotas, Nino&Mambrú, da compañía galego-francesa Moving Compass (Nós Diario)

O Centro Dramático Galego (CDG) vén de iniciar a súa participación no proxecto europeo Phone, no que estruturas teatrais de sete países desenvolven varias iniciativas conxuntas para a posta en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas. O primeiro dos encontros presenciais terá lugar esta fin de semana na  cidade de Tromso (Noruega), país que forma parte deste proxecto xunto con Holanda, Francia, Romanía, Italia, Irlanda e Alemaña. 

Phone desenvolverá métodos de escrita biográfica/documental e de teatro comunitario interxeracional a nivel europeo para dar como resultado oito montaxes teatrais contemporáneas (unha por cada territorio participante, xa que Alemaña achega dúas comunidades lingüísticas distintas). Está previsto recorrer a novos formatos escénicos, á aplicación de novas tecnoloxías e á utilización de ferramentas dixitais como podcasts ou vodcasts

O proxecto préstalle especial atención á participación da mocidade e á transmisión de coñecemento entre distintas xeracións.

Participación galega 

No caso concreto da participación galega, en cada fase de Phone (encontros de dirección, dramaturxia etc.) incorporaranse artistas galegos novos que estean en cada momento a levar a cabo algún espectáculo con produción ou participación do CDG. 

Así, no arranque do proxecto en Tromso intervirá unha representación da compañía Moving Compass, coa que recentemente se levou a cabo en réxime de coprodución o espectáculo A barca do inferno e que será unha das montaxes do ano dedicado á Galiza no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.

Comentarios