Contracultura

Tamara Canosa: "O impacto que ten na rapazada o teatro é moito maior que nas xeracións anteriores"

Tamara Canosa, actriz, dirixe Soños -que se estrea o día 24 no Salón Teatro de Santiago de Compostela- coa intención de romper prexuízos sobre a mocidade que medra en vivendas tuteladas. Canosa aborda o poder de transformación social do teatro e o impacto que este ten no alumnado xa que, como ela di, “posúe este poder porque é moi experiencial”.
Tamara Canosa dirixirá 'Os actos e as profecías'. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Canosa é tamén graduada en Dereito e experta en perspectiva de xénero (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu Soños?

A raíz da colaboración entre a ONG Igaxes e as produtoras teatrais Culturactiva e Artefeito para artellar un proxecto que empregase o teatro como ferramenta de transformación social. Queremos axudar a romper os prexuízos, e os códigos narrativos do teatro son moi útiles para lograr que a xente empatice. Chamáronme para dirixir a obra cando xa tiñan claro que querían erguer un espectáculo que contase a realidade da rapazada que vive en pisos tutelados. 

No meu caso, non é que eu escolla un proxecto, senón que é cuestión de se me vexo capaz. Eu non podo facer unha obra de teatro de calquera tema. Teño unha voz situada nun lugar no que ten sentido empregar a escena para falar de determinadas cuestións, mais non de calquera cousa.

Este proxecto interesoume porque fala da xente que non está representada, da que non ten voz e que está nas marxes. Este é un mundo que coñezo e creo que teño un privilexio, dedicarme á creación, polo que podo achegar unha ollada sobre estas feridas e esta vertixe vital. 

Cales son as dificultades que querían contar?

Para min era moi importante a ollada desde a resiliencia e a alegría, non desde o pensamento de ‘que vida tan dura’. Intentei levalo a iso, a ver que son persoas que reciben paus, mais que avanzan, porque se non, corríamos o risco de acabar facendo porno miseria. Hai miles de historias polas que unha persoa pode acabar na órbita das vivendas tuteladas, mais penso que hai un fío común a todas que ten que ver coa privación material severa e con certa pobreza.

Claro, falamos en xeral, non sempre, porque é certo que todas as familias teñen problemas, mais cando os problemas se dan en substratos económicos desfavorecidos fanse moito maiores. Os problemas non son iguais nun barrio marxinal, e xa non falo de obreiro, que no centro de Vigo ou da Coruña. A perspectiva de futuro é diferente. En xeral, a esta rapazada atravésaa o desarraigamento.

É unha ferida que se fai visíbel nas persoas que non tiveron constantes na súa vida, persoas ou lugares, porque tanto fai ferida ir de centro en centro, de piso en piso, como non ter referentes adultas constantes. 

Neste caso, ademais, búscase traballar con alumnado da ESO e de bacharelato.

Pasa algo moi curioso e preocupante á vez. Os pais e as nais parece que levamos moito ao teatro as crianzas, cando aínda son pequenas, mais na adolescencia iso remata. Se vas a unha sesión de teatro infantil, hai moitas familias, mais por algún motivo pasamos de levalos ao abandono absoluto.

O teatro desaparece das vidas da rapazada e, precisamente, para esta xeración, que é nativa dixital, é unha disciplina artística que deixa unha pegada emocional fortísima neles. Se a presencialidade sempre foi moi importante, agora eo moito máis.

O impacto que ten na rapazada o teatro, ben empregado, é infinitamente maior que nas xeracións anteriores, que non fomos nativas dixitais. E aínda máis cando son historias protagonizadas por persoas da súa idade, penso que ten este poder porque é moi experiencial. 

As redes sociais poden dar moitas cousas, moitos estímulos, mais o teatro transmite a enerxía dunha persoa que está aí de verdade, que cheira a persoa humana. O teatro é moi sensorial, estimula moito os sentidos, como non o fan as redes sociais; e unha experiencia así conecta e deixa unha pegada emocional moito máis forte na rapazada de agora. Xera unha comprensión moito máis impactante que penetra nela.

Por iso, agora máis que nunca, hai que empregar o teatro. Nós, ou cando menos eu, non pretendemos darlle un lema nin dicir o que é bo ou malo. Queremos amosarlles estas personaxes e historias e que sexa a rapazada quen o dixira todo e que nos conte onde chega.  

Comentarios