Máis

O Castelo Conta co poder da palabra

A oralidade como forma de conservación da tradición é o fundamento que guía a organización do festival Castelo Conta en Culleredo, unha iniciativa pensada polo humorista Xosé Touriñán para reunir a veciñanza nun espazo no que se dan cita actividades diversas coa palabra como elemento condutor.
casteloconta
photo_camera Á esquerda, Touriñán, nunha edición anterior do festival. (Foto: Castelo Conta)

Na parroquia do Castelo (concello de Culleredo, comarca da Coruña) a cultura mantense viva a través da tradición oral, a música, o humor, as actividades infantís, o audiovisual ou calquera tipo de arte e forma de festa que permita reivindicar o territorio propio, a lingua e a identidade. Para isto, o festival Castelo Conta leva dous días de actividades continuadas para maiores e pequenos nun proxecto interxeracional ideado polo actor, cómico e presentador Xosé Antonio Touriñán e que, como el mesmo explica en declaracións a Nós Diario, naceu “porque os cómicos e os pallasos sempre van ao rescate”.

Tanto é así que o xermolo da iniciativa partiu da necesidade de recadar cartos para poder celebrar as festas da vila, aínda que co tempo o festival foi crecendo e rematou por converterse na “festa que lle deu a volta á festa”, conseguindo, como destaca Touriñán, facer algo distinto na aldea. Uns inicios que desde a organización manteñen moi presente, asegurando que o obxectivo principal é organizar unha actividade na que “xuntarse todos os amigos e amigas”, aínda que, iso si, “intentando darlle unha volta e aproveitar o punto de encontro para crear un lugar no que falar, escoitar e transmitir historias”.

A novena edición do proxecto xa inunda a localidade de man da Asociación Cultural Castelo Conta. Até o día 27 deste mes, a organización pretende promover a dinamización cultural do lugar ao tempo que se procura a conservación da memoria e a defensa da contorna. Precisamente estes son algúns dos valores que guían a xestión da iniciativa e a configuración da programación, tendo como unha das actividades insignia os Contos do Castelo. Desta forma, desde o pasado 21 de agosto e até o próximo día 25 desde as 17 até as 19.30 horas, veciños, veciñas e todo aquel que queira achegarse reúnense en diferentes enclaves dos territorios do Castelo de Abaixo,Vilaverde, Xalo ou Folgueira para compartir anécdotas, lendas, mitos ou a historia viva do lugar.

O que se pretende con esta proposta é, como argumenta Touriñán, “imitar as xuntanzas que se facían no rural cando a xente se dedicaba ao agro”. Desde a organización aseguran que “a participación é marabillosa”, chegando mesmo a afirmar que “ás veces saen historias de vida de veciños que estás con eles porta con porta e non tes nin idea de quen son nin do que pasaron. Faiche relativizar e iso tamén é bonito”. Así, Touriñán reivindica o papel da oralidade na conservación da tradición ao cuestionar que “se está a perder o contacto persoal” e é necesario “buscar pousar o teléfono e falar” para, con isto, achegarse “á sabedoría dunha xeración que viviu outro tempo, onde as cousas se facían doutra forma”.

Touriñán aproveita tamén para reclamar que non se perda “este patrimonio inmaterial” porque, como explica, “desde como se fai un xoguete até cando hai que sementar, a tradición é un superpoder que se transmite pola oralidade, por iso hai que falar”. Para que a oralidade non esvaeza coa palabra, nesta edición o Castelo Conta converterá cada unha destas aldeas nun estudo de radio para compartir ese espazo de escoita e reunión nun podcast que conserve e espalle a tradición oral da parroquia
do Castelo.

Sete días de troula

No marco das actividades que se repiten ao longo da semana destaca a Xente Miúda do Castelo Conta, un espazo de lecer e aprendizaxe para a cativada no que se mesturan obradoiros, xogos tradicionais, cazas do tesouro, estreas audiovisuais ou propostas con foco no coidado e reivindicación da natureza. Todo isto co xantar miúdo como colofón final na próxima quinta feira, onde a Gramola Gominola, o grupo rock de referencia do público infantil, porá a nota musical.

Precisamente, a palabra cantada é outra das protagonistas no concello de Culleredo. Xabier Díaz e Susana Seivane xa encheron o escenario, mais hoxe é a quenda de posta en valor da música tradicional de Belém Tajes e o pop rock de Familia Caamagno. As versións experimentais do Combo Viramundo, a mestura de estilos con influencias latinas de Lamatumbá; a rumba, o funk e o swing de Muchachito na súa proposta de One Band Man ou o grupo paraguaiense de rock latino Salamandra agardan aínda por facerse oír. O teatro infantil, a música de Dj, os contos de Celso Martín, a estrea da nova curta de Touriñán ou o espectáculo de humor Corentena completan unha programación que na xornada do sábado chega ao seu día grande cun xantar popular, unha andaina até o monte Xalo e unha cea para repor forzas.

A partir das 22.30 horas do día 26 é a quenda da tradicional noite do Castelo, momento no que Xosé A. Touriñán é o encargado de conducir once monologuistas, entre os que se atopan nomes tan coñecidos como David Amor ou Lucía Veiga, para empregar a palabra como vehículo da risa. Unha xornada cun cartaz que proba o crecemento do festival ao tempo que lembra as súas primeiras edicións.

Como remarca Touriñán, as actividades desenvólvense en distintos lugares da parroquia, na procura de “descentralizar a festa na busca de espazos acolledores como eiras, cubertos, alpendres, leiras...” e, sobre todo, “facelo especial e estar á beira de todos os veciños e veciñas de castelo”.

Facer que conte

A pesar de que a maioría de actividades son de balde, co obxectivo de continuar sendo sostíbeis no tempo, desde a organización pretenden autofinanciar o 40% do festival a través da venda de diferentes produtos e das entradas a algunha das actividades. Isto para poder manter os seus valores de recoñecemento da tradición oral, reivindicación da cultura rural, coidado do monte, defensa da lingua e procura da solidariedade.

É seguindo estes principios que desde a organización colaboran con diferentes entidades sociais. Así mesmo, no afán de reivindicar a palabra como medio difusor da cultura, este ano veñen de incorporar unha intérprete de signos para a meirande parte das actividades, facendo máis accesíbel o proxecto.

Desta forma, Touriñán non dubida en asegurar que “hai cousas únicas que só acontecen no Castelo Conta”, pondo énfase na importancia da actividade cultural no rural e asegurando que “unha eira dunha casa pode converterse en escenario unha vez ao ano”. Así, a lingua, a cultura, o humor e a terra permiten que o Castelo siga contando. 

Comentarios