O Museo de Pontevedra rehabilita os edificios históricos

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, anuncia que o Consello asesor do Museo de Pontevedra aprobou a rehabilitación dos edificios históricos a pesar de non contar coa axuda económica nin da Xunta nin do Estado español.
Museo_de_Pontevedra
photo_camera Museo de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou na cuarta feira que o Museo de Pontevedra procederá á rehabilitación dos edificios históricos de García Flórez e Castro Monteagudo, e o adiamento da conexión subterránea dos inmóbeis da praza da Leña co edificio Fernández López.

O deputado explicou que o “reenfoque” dos proxectos en marcha se debe á compra do convento de Santa Clara por parte de Concello de Pontevedra, coa intención de cederllo ao Museo de Pontevedra.

Mais Mosquera engadiu que a reformulación se ve afectada pola falta de “implicación” económica por parte da Xunta e mais do Estado español, que limita as posibilidades de investimento.

“Non temos ningunha garantía de que haxa colaboración doutras Administracións”, engadiu. Sobre o proxecto, recoñeceu que "seguro que é caro porque é unha rehabilitación complexísima".

O consello asesor do Museo de Pontevedra considera “estratéxico” que Santa Clara pase a formar parte da institución, co que se engaden aos seus edificios 5.427 metros cadrados de superficie.

“Abre unhas posibilidades enormes”, mencionou Mosquera, que agregou que a reforma proxectada nos edificios históricos suma arredor de 2.000 metros no conxunto dos tres inmóbeis.

O proxecto de rehabilitación traballarase por fases nos antigos edificios, comezando coa “urxente” recuperación dos inmóbeis de García Flórez e de Castro Monteagudo, á vez que se proxecta a construción dos sotos.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra adiantou que o Castro Monteagudo se acondicionará como espazo didáctico, mentres o García Flórez, "en principio, manterase en reserva para algunha exposición puntual".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios