CONTRACULTURA

Carmen P. G. Granxeiro: "A representación queer dos últimos vinte anos é case un cambio de paradigma"

Carmen P. G. Granxeiro publica Estranxeiras, a súa primeira novela.
Carmen P. G. Granxeiro centra o seu traballo no mundo audiovisual. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carmen P. G. Granxeiro centra o seu traballo no mundo audiovisual. (Foto: Nós Diario)

Carmen P. G. Granxeiro estréase como escritora con Estranxeiras, unha novela galardoada co II Premio Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual e de Xénero pola súa representación do colectivo LGBTIQA+ nun ámbito como é o rural, as referencias culturais presentes ao longo da obra e a utilización da linguaxe e o pronome neutro. 

Estranxeiras é a súa primeira novela, aínda que xa ten experiencia no mundo da creación. Como o viviu?

Eu sempre escribín moito para min, para o íntimo, o que non se comparte, mais tamén para todo o relacionado cos meus traballos. Ao final, a escrita é unha base para todo o que ten que ver co audiovisual, o deseño gráfico ou a banda deseñada. Por iso tampouco o sentín tanto como unha mudanza de ferramenta, mais obviamente á hora de narrar por escrito unha ficción que está destinada a ser lida había certas dinámicas que me eran alleas. Aprendín moito durante este proceso e estou moi agradecida de ter espazos como o Premio Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual e de Xénero para poder evolucionar como creadora. 

Unha das cuestións que salientou o xurado foi a representación do colectivo no rural, así como as relacións interxeracionais. Cre que son ámbitos esquecidos?

Non o sei. A nivel político obviamente hai un esquecemento xeral con respecto ao rural, un esquecemento que ademais é consciente e voluntario, mais non sei se tamén a nivel social nos acontece. A min non, porque estou moi vencellada ao rural galego. Son un espazo e unha realidade que me tocan a nivel persoal. Ademais, sendo lesbiana tamén teño a perspectiva do queer. Está claro que cando as cousas as vives en primeira persoa e cando os coñecementos veñen dados dun modo empírico teñen outra pegada tamén en nós mesmas. E a visión é sempre individual e persoal, e difire moito da que se dá desde outros ámbitos, igual máis colectivos ou individuais, ou o que sexa. A visión que hai do rural galego en Estranxeiras é moi persoal, iso está claro.

Tamén valoraron positivamente as referencias culturais. Como ve a representación do colectivo neste sentido?

É un tema arredor do cal penso moito. De feito, é un dos temas principais que tratamos en Alex & Munchie contra o cisheteropatriarcado, o novo filme que teño con Xácia Ceive. Para min é moi importante porque ademais que sempre marcou a miña vida como espectadora, como consumidora de producións culturais, aínda que non me guste demasiado a palabra. Tardei moito en verme reflectida dun modo decente en toda esa produción cultural que eu consumía. Iso marca e deixa unha pegada na túa vida persoal, mais tamén no teu traballo. Cando menos, é así no meu caso, polo que sempre está moi vencellado a temas como as identidades, a representación do colectivo e ás mulleres lesbianas en concreto. Eu xa teño agora 37 anos. Cando eu comecei a consumir máis conscientemente as producións culturais tras espertar a nivel intelectual e artístico, non había o que hai a día de hoxe. O que aconteceu nos últimos vinte anos é case un cambio de paradigma no que se refire á representación queer. Isto non quere dicir que considere que o camiño xa está feito, mais si que son consciente da mellora que hai, non só con respecto á cantidade, senón tamén á calidade e á visibilidade. Dito isto, efectivamente segue a haber moitas lagoas e cousas que mellorar. 

A representación é importante para a creación de referentes propios para o colectivo, mais tamén, como di, para unha maior visibilidade.

Efectivamente esta é unha parte importante da creación cultural e unha cuestión que a nivel persoal me preocupa moito. Hai diversos modo de achegarse ás realidades queer e de comunicalas. Está a parte máis propia da educación, mais tamén a importancia de facer cousas para nós, desde o máis real e auténtico. Non creo que a palabra obxectivos sexa a que máis encaixe neste asunto, mais si que sinto que o meu traballo en xeral, alén de Estranxeiras, sempre busca a empatía e a capacidade de visibilizar desde esta autenticidade, afastándose dos prexuízos e das ideas edulcoradas.  

Comentarios