Carballo sae a bailar co Festival enDanza

O festival de danza de Carballo chega á súa XIX edición e decorre, do 9 ao 22 de abril, no Pazo da Cultura da vila.
bailaragora1
photo_camera Un dos momentos do espectáculo de danza 'Bailar agora', unha peza na que a bailarina Marta Alonso é a única en escena. (Foto: Mila Ercoli)

Primavera enDanza de Carballo inicia na sexta feira, 9 de abril, a súa XIX edición, que decorrerá até o 22 deste mes retomando así as súas datas habituais despois de que a anterior edición tivera que ser adiada ao outono de 2020 por mor da pandemia da Covid-19. 

Na presentación do evento, que decorreu de modo telemático, participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e as bailarinas Kirenia Martínez e Marta Alonso.

Un total de cinco propostas coreográficas foron as elixidas para exhibírense no Pazo da Cultura. A primeira delas, que se realizará na xornada inaugural, ás 20 horas, é Emigrantas, da compañía Kirenia Danza, un espectáculo no que se fala “dunha nova emigración, desa última diáspora de persoas de 18 a 40 anos que saíron e viven a súa experiencia central desde a muller”, afirmaba Kirenia na súa intervención na presentación.

Na seguinte sexta feira, 16 de abril, achegarase ao festival a bailarina e integrante do Colectivo Traspediante, Marta Alonso, co seu espectáculo unipersoal Bailar agora. “Unha peza autobiográfica, que narra unha historia particular da danza que é a miña”, explicaba a Nós Diario.

“A viaxe dunha muller que se achega aos 40 anos e fai unha revisión da vida, até este momento, marcada pola necesidade e a decisión de vivir arredor da danza”. Para Alonso, o espectáculo “apela a esta danza que nos acompaña a todas no día a día nas nosas vidas e das que non somos conscientes”.

Marta Alonso repite presenza no enDanza tan só dous días máis tarde, o 18 de abril, como integrante do terceiro espectáculo desta edición do festival, Nina Ninette, unha peza de Paula Quintas e Traspediante dirixida ao público infantil e cuxa autoría e dirección levou a cabo María Torres. No elenco, ademais de Alonso e Quintas atópase a bailarina Carlota Mosquera. 

“Hai anos Paula e eu soñabamos con facer unha peza inspirada no Ballet Triádico porque nos encantaba”, lembra Alonso, e así xurdiu este espectáculo, coincidindo co centenario da estrea deste ballet dirixido por Oskar Schlemmer. "Nina é unha nena valente, afouta, que por azar chega a un mundo fantástico de espellos, habitado por unha personaxe inspirada na fase escura de Schlemmer forma espiral que nós pasamos ao branco", conta a autora e directora María Torres.

"Trátase da súa epopea ao estilo dos contos iniciáticos... Debe de superar unha proba con enxeño" e no decurso coñece un bufón co que fai amizade a pesar da oposición dunha raíña, mais no remate "fican transformados". Estreada o pasado 7 de marzo en Compostela, Torres explica que "a xente está sorprendida pola proposta, que está chea de beleza".

Na última semana do festival levarase a cabo a presentación, en exclusiva, de Mocap, do creador galego Matías Daporta que iniciou o seu proxecto en Carballo durante unha Residencia Paraíso, e que agora decorrerá na quinta feira, 22 de abril. “Temos dous días e medio de residencia técnica en Carballo, e tamén estamos moi agradecidos, porque será unha estrea mundial e absoluta do proxecto”, sinalou o concelleiro Marcos Trigo.

A clausura do festival correrá a cargo do espectáculo After de party, de Thomas Noone Dance, na sexta feira 23 de abril. Un monólogo bailado “sobre a dualidade", nunha conversa entre bailarín e monicreque”,  finalista dos Premios Max en 2019.

Dúas das 19 edicións foron realizadas en tempo de pandemia

O Festival enDanza decorreu en 2020, igual que o fai agora, aínda que daquela viuse na obriga de abandonar as habituais datas para decorrer no outono, por mor da situación sanitaria.

En conversa con Nós Diario, tanto María Torres como Marta Alonso louvaron esta decisión dun festival "coñecido e recoñecido" para Alonso. "Hai que dar os parabéns aos responsábeis porque máis que nunca dependemos da vontade por tirar adiante", destacou á súa vez María Torres.

Comentarios