Cara a unha cultura non precaria

O territorio da cultura vive intres críticos. A transformación tecnolóxica, a desidia dalgunhas administracións a comezar pola Xunta, as dificultades para delimitar os seus lindes respecto do turismo ou, sobre todo, a precariedade laboral preocupan a diferentes axentes do sector. As proxeccións que realizan para o ano que empeza entornan, porén, un aire de resistente esperanza. Eis un extracto da información publicada no número 330 de Sermos Galiza.

culturgal 2018 1
photo_camera [Imaxe: Culturgal] Unha actuación no Culturgal de 2018.

1O pasado setembro, Alberto Núñez Feixoo restituía a Consellaría de Cultura. Como en tempos de Fraga Iribarne, iso si, engadíalle o apéndice Turismo. Ou non tan apéndice, a xulgar polas intervencións públicas do conselleiro, Román Rodríguez, cuxo discurso se centra adoito no vindeiro Ano Xacobeo, 2021. A fusión e a confusión entre cultura e turismo non coincide coas preocupacións centrais dos axentes preguntados por Sermos Galiza para facer unha prospectiva do sector de cara á 2019. A precariedade é o elemento común que atravesa as súas angueiras.

“Aplaudimos a rectificación que significa recuperar unha Consellaría de Cultura independente, pero preocúpanos que derive nun maior peso do turismo”, explica Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), “somos conscientes de que na Galiza, o turismo ten que ser cultural, é evidente. Mais agardamos que o Camiño e o fenómeno do Xacobeo non tape os distintos camiños da cultura”. O fondo da súa tese, as difíciles relacións dos sucesivos gobernos do PP coa cultura, emerxe a cada paso. Non por nada unha das primeiras medidas adoptadas por Feixoo en 2009, cando asumiu a presidencia do Goberno, foi liquidar o departamento de Cultura e subsumilo en Educación.

Mais o territorio da cultura é extenso, non doadamente reducíbel. Por iso a crítica, produtora e profesora Beli Martínez cita a TVG á hora de mencionar as perspectivas do cinema para o ano que comeza. “A Televisión Galega é a maquinaria menos engraxada na cadea do cinema, a que menos apoia”, di. Coloca como exemplo a ETB vasca, que destina máis de cinco millóns de euros a sufragar propostas cinematográficas. “Aquí é un millón, e nin sequera se saben ben os criterios que usan”, afirma, “non pode escusarse en que se trata de filmes difíciles de programar. Para iso naceu tamén a TVG, para facilitar o cinema galego e en galego”.


A gran repercusión internacional das directoras e directores galegos, que hai quen agrupa na etiqueta Novo Cinema Galego, é igualmente sinalada pola catedrática, académica e cineasta Margarita Ledo. “2019 será o ano en que gañemos a batalla do cinema en lingua galega”, asegura. E, porén, alén da brillantez e o risco de autoras e autores, as deficiencias estruturais ameazan a produción. Advírteo Beli Martínez: “O principal reto é conseguir dereitos laborais, termos traballos non precarios”. 

Fala do filme que está a producir, Longa Noite, e lamenta que o director, o premiado Eloi Enciso, non chegue nin a mileurista. “As axudas públicas non cobren o 60% neste tipo de proxectos singulares, cando en Europa atinxen entre o 80 e o 100%. Ese debe ser o obxectivo”, apunta sobre uns filmes que están a levar Galiza ao palmarés dos máis prestixiosos festivais. “Pero as condicións laborais son lamentábeis e só de vontade non se come”.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios