Cigarreiras, de Contraproducións, Premio do Público da 30ª FIOT de Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu a coñecer as obras galardoadas. A peza de autoteatro OldPlay, de Antón Concheiro, e a intérprete Sara Guerrero obteñen o recoñecemento das e dos asistentes á V edición do Certame de MicroEscenas Metro Cadrado.

Representación de Cigarreiras no FIOT30 (Vanessa Rábade).
photo_camera Representación de Cigarreiras no FIOT30 (Vanessa Rábade).

Unha das citas máis importantes do panorama dramatúrxico galego, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, deu a coñecer o palmarés da súa última edición, realizada entre os días 24 de setembro e 29 de outubro.

O público decidiu, cos seus votos, escoller o espectáculo Cigarreiras, de Contraproducións, como a mellor obra do Programa de Sala do FIOT30. A obra, dirixida por Cándido Pazó, recibiu unha elevada puntuación (9,32 sobre 10).

No segundo lugar, a peza máis valorada foi Solo un metro de distancia, de Serena Producciones, e a terceira foi Greenpiss, de Ylanna.

Xunto ao Premio do Público do Programa de Sala, as espectadoras e espectadores do FIOT tamén tiveron ocasión de escoller as pezas e as interpretacións máis salientábeis, segundo o seu criterio, do V Certame de Microescenas Metro Cadrado, celebrado os sábados 9, 16 e 23 de outubro.

A proposta OldPlay, de Antón Coucheiro, creada para desenvolver no parque infantil do Parque de Anllóns, foi a vencedora na categoría de mellor obra, mentres que Sara Guerrero, creadora de A miña casa é un palco de música, obtivo o recoñemento á mellor interpretación. Cada premio do M2 conta cunha dotación económica de 150 euros.

No feche desta edición, na xornada previa á entrega dos premios do XX Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, a dirección do festival salienta a boa acollida entre o público nunha volta á case normalidade da programación regular escénica logo dun ano “en pausa”.

Neste sentido, e mesmo durante a súa celebración, o FIOT tivo que afrontar con valentía as incertezas e cambios na regulación de capacidades dos recintos culturais (como o Pazo da Cultura) e diversos cambios da normativa sanitaria que afectaron á totalidade da organización dos espectáculos e actividades.

Aínda así, o certame tivo unha boa resposta do público e encheu practicamente todas as localidades dispoñíbeis na maior parte parte dos espectáculos dunha programación que contou con 38 propostas dramatúrxicas, nove delas estreas absolutas, e outras 3 estreas na Galiza.

XX Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís

O FIOT30 botará o pano este domingo coa celebración da entrega de premios co concurso escolar de Teatro Lido, que neste 2021 festexa o seu 20º aniversario. A iniciativa consegue, desde hai dúas décadas, que as voces máis novas de Bergantiños cheguen a todos os recunchos da comarca a través das ondas radiofónicas.

Nesta edición participaron un total de 24 grupos, formados por 150 rapazas e rapaces de 10 centros escolares de Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha e Laxe.

Por causa da Covid-19, este ano unicamente catro grupos de escolares, os finalistas do certame, tiveron ocasión de facer a súa lectura dramatizada en estudios profesionais de radio, e que volverán facer diante do público este domingo no auditorio do Pazo da Cultura. A gala, aberta ao público familiar, comezará ás 18 horas e contará co actor Fran Rei como mestre de cerimonias.

O XX Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís conta con dúas categorías: unha para grupos de Educación Primaria e Infantil, e outra de grupos da ESO, Bacharelato ou CF grao medio.

No primeiro caso, os colectivos finalistas son o grupo Xoaniña, de 3º de EP do CEIP Canosa-Rus, coa peza Exemplo a seguir; e o grupo Cristinatreiros, de 3º EP do CEIP Plurilingüe A Cristina, coa obra O conto dos sete medos. No caso da 2ª categoría, as propostas finalistas son Segredos abertos, do grupo Areeiras de 4º ESO do CPI Cabo da Area, e Unha avoa a catro patas, calcetís e gravatas, do grupo Calcetíns de 2º ESO do IES Alfredo Brañas.

Comentarios