Berto prepara o seu segundo disco nas Residencias Artísticas Mariñán

O artista galego está a organizar a súa xira para este verán na que incluirá algúns temas que prepara nesta experiencia da Deputación da Coruña.
O deputado Xurxo Couto e o músico Berto (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado Xurxo Couto e o músico Berto (Foto: Nós Diario).

Afianzar o espectáculo actual de cara á xira de verán, mellorando o desenvolvemento conceptual, e avanzar xa no seu segundo LP, son os dous obxectivos nos que o músico Berto está a traballar na súa estadía no Pazo de Mariñán no marco das Residencias Artísticas dedicadas á produción musical.

Trátase da segunda residencia, logo da estadía do dúo Caamaño&Ameixeiras na pasada semana, das catro que se desenvolverán a cabo ao longo deste ano da man da área de Cultura da Deputación da Coruña

Visita do deputado de Cultura ao Pazo

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, vén de visitar a Berto precisamente cando se atopa xa no ecuador da residencia para coñecer de primeira man como esta experiencia se materializará nos seus proxectos musicais. Berto explicou que nos primeiros días da semana realizou unha serie de ensaios coa súa banda, formada por Lorena Cachito na batería e María Soa nos teclados, e traballaron na mellora da posta en escena do seu traballo actual.

Nesta parte do proxecto, tamén definiron o vestiario que utilizarán nas actuacións da xira de verán, da man do creador David Méndez Alonso da marca Outsiders División, e produciron o material fotográfico que se utilizará na promoción, da man do fotógrafo Aigi Boga, aproveitando varias localizacións do Pazo de Mariñán.

 Na segunda parte da residencia, Berto céntrase na preparación do seu segundo LP, que ten previsto estrear no outono.

Tamén gravou dous vídeos en directo no propio Pazo de Mariñán, un deles cun tema inédito, e realizou unha sesión fotográfica, co fotógrafo Paolook e coa maquillaxe de Iris Gestoso, para utilizar nese vindeiro traballo discográfico.

Comentarios