O Mariñán abre as residencias á literatura e ao pensamento

A nova convocatoria entrará en vigor o vindeiro 11 de abril e estabelece un prazo de presentación de proxectos de 15 días. As solicitudes consistirán nunha proposta de traballo e investigación persoal a desenvolver no contexto da residencia.
O Pazo de Mariñán (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera O Pazo de Mariñán (Foto: Deputación da Coruña).

A área de Cultura da Deputación da Coruña, no marco da súa nova liña de apoio á creación, vén de facer pública unha nova convocatoria para participar nas Residencias Artísticas Mariñán. Trátase das residencias dedicadas a proxectos literarios e de pensamento, que veñen sumarse á convocatoria de Residencias Artísticas para producións musicais.

Esta nova convocatoria entrará en vigor o 11 de abril e estabelece un prazo de presentación de proxectos de 15 días. Para propostas literarias, poderán concorrer persoas maiores de idade con residencia na Galiza que desenvolvan o seu proxecto en lingua galega, en calquera das súas expresións, como narrativa, ensaio, poesía, teatro, guión cinematográfico, banda deseñada ou xéneros híbridos. 

Para propostas relacionadas co desenvolvemento de liñas de pensamento, poderán concorrer persoas maiores de idade con residencia na Galiza que desenvolvan o seu proxecto en lingua galega e que investiguen calquera ámbito de coñecemento, como filosofía, antropoloxía, historia, arte, economía, dereito, política ou sociedade. 

As solicitudes consistirán nunha proposta de traballo e investigación persoal a desenvolver no contexto da residencia, que debe estar complementada cun relato autonarrativo no que a persoa solicitante explique as motivacións da solicitude e a súa traxectoria creativa.

Tamén se poderá achegar algún fragmento do traballo e o currículo da persoa solicitante. 

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse oito proxectos para desenvolver a súa residencia creativa no Pazo de Mariñán.

Cada residencia terá unha duración máxima de 14 días, das cales catro se desenvolverán este mesmo ano no mes de xullo e catro no mes de decembro.

Comentarios