A Deputación da Coruña crea residencias artísticas no Pazo de Mariñán

A Área de Cultura abriu o prazo de admisión de solicitudes para que as e os artistas presenten candidaturas ao apartado musical. As residencias tamén serán literarias.
O grupo Caldo participará nas residencias artísticas (Foto: Caldo).
photo_camera O grupo Caldo participou na edición experimental (Foto: Caldo).

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de pór en marcha a iniciativa de Residencias Artísticas Mariñán. A proposta busca promover a creación musical e literaria en galego este 2022. "Trátase", en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto, "dun formato único e moi novidoso para aproveitar un espazo singular como é Mariñán e poñelo ao servizo de procesos de creación artística". 

Couto incide ademais en que "esta nova iniciativa está concibida para dar cabida a toda a diversidade cultural do momento, polo que estamos a falar de convocatorias abertas e cunhas bases que permiten a concorrencia de todo o tecido creativo que temos no país a día de hoxe". 

Residencias musicais abertas

Desde onte e até o 19 de abril, permanecerá aberto o prazo de solicitudes para que bandas ou artistas presenten propostas para participar nas residencias dedicadas á produción musical.

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse catro proxectos do ámbito musical para desenvolver a súa residencia creativa no Pazo de Mariñán. Cada residencia terá unha duración máxima de 7 días, das cales dúas se desenvolverán no mes de maio e dúas no mes de novembro.

As propostas presentadas poderán corresponderse con calquera estilo musical e deberán estar compostas de repertorio propio, agás as baseadas na música tradicional, e a lingua principal deberá ser o galego, aínda que tamén poderá haber presenza doutros idiomas. 

A residencia inclúe a dotación material necesaria para o desenvolvemento do proxecto, tales como os espazos axeitados no Pazo de Mariñán, manutención e aloxamento para as persoas participantes e equipamento técnico; así como un acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria das residencias que ten por obxecto facilitar a viabilidade da proposta e a súa inserción no contexto musical profesional, para o que se facilitará formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores.

Na estadía experimental do pasado ano participaran grupos como Tanxugueiras, Caldo, Oîma, Caamaño & Ameixeiras e os luthiers Jose Catoira e Pablo Sánchez Otero.

Comentarios