Máis

Begonte aposta pola lingua

O festival 27373 é integramente en galego.
Pauliña definitiva
photo_camera Pauliña acompañada da súa banda. De esquerda a dereita Julián Gullón , Francisco Montoto, Iago Jorge Hermida e Lolo Arincón.

O club fluvial de Begonte acolle un ano máis o festival 27373 nunha contorna privilexiada: a beira do río Ladra. O evento, que ten por nome o código postal do Concello de Begonte (A Terra Chá), é unha iniciativa da Asociación Cultural Castiñeiro Milenario, fundada  en 2006 aos pés dunha árbore senlleira situada na parroquia de Baamonde.

Esta organización naceu cun marcado carácter social. O seu obxectivo principal é defender o patrimonio cultural galego mediante a colaboración con outras entidades.
Froito do traballo realizado polo Castiñeiro Milenario naceu o 27373, un festival que ofrece todas as actuacións en galego.

Esta aposta pola promoción da lingua volve quedar patente na XI edición cun programa que inclúe numerosos referentes do panorama musical actual.

Un dos artistas que actuará no escenario do club fluvial é Paco Cerdeira, máis coñecido como Pakolas, un músico infantil moi recoñecido que entreterá os máis pequenos da familia co seu espectáculo.

Outro dos nomes é Pauliña, que actuará xunto á súa banda formada polos músicos Iago Jorge Hermida, Lolo Arincón, Paco Montoto e Julián Gullón.

O programa deste ano tamén inclúe a participación de Pepe Vaamonde Grupo, que animará a cita coa súa particular visión da música do país.

Tecor Societário, un grupo que se especializa en celtic punk,  completa o cartel da XI edición.

Durante o evento tamén  se celebrarán unha sesión vermú ás 13.45 horas do sábado con Aloumiña e o Cuarteto Seimeira; un aberto de billarda ás 17 horas e un campionato de Cimbrón ás 18 horas.

Comentarios