Contracultura

Beatriz S. Sáa: "A mostra nace da experiencia que tiven coa miña avoa desde que ela desenvolveu Alzhéimer"

Beatriz S. Sáa pon en marcha a exposición 'Entre presenzas e ausencias' no Centro Sociocultural de Vite (Santiago de Compostela) coas obras realizadas no seu programa de didáctica artística involucrando tanto doentes de Alzhéimer como as súas coidadoras.
A artista e docente Beatris S. Sáa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista e docente Beatris S. Sáa. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a idea para pór en marcha o programa?
O deseño e a implementación deste forma parte da miña tese de doutoramento. É un xogo entre a presenza de quen coida, tamén a presenza física dos doentes, e a ausencia destes últimos. Quixen contar coa Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer (Agadea) porque a idea era desenvolvelo con doentes en fase moderada ou avanzada así como coas persoas que as coidan ou que as coidaron. Agadea participou cos seus usuarios e despois tamén veu algunha xente de maneira particular.

Fixen un taller con cada unha das partes, no caso dos doentes houbo algunha intervención no centro de día de Agadea e outras no domicilio particular de cada un a causa das dificultades de mobilidade. E tamén levamos a cabo un taller mixto no propio Centro Sociocultural de Vite no que os doentes levaban uns calcetíns para bailar enriba dun papel continuo con pintura xunto coas persoas que exercen os coidados, de maneira que as pegadas da acción quedaban impresas nel. Na mostra, este papel aparece exposto xunto coas fotografías que resumen a acción que levaron a cabo, de maneira que pode verse todo o proceso. 

—Houbo diferenzas á hora de implementar os talleres con doentes e coidadoras?
O contido foi o mesmo. Todo isto nace da experiencia que eu tiven coa miña avoa. Nese proceso de perda desde que ela comezou a desenvolver a enfermidade até que faleceu e incluso despois diso, a arte axudoume a expresar e a sacar de min todo aquilo que eu non era quen de verbalizar. Así, nestes talleres collín todas esas técnicas que eu utilicei para que estas persoas tamén puideran utilizalas.

Hai xustamente tres anos tamén fixen unha exposición, Rostros da ausencia, que recollía a experiencia de investigación que eu fixera con catro enfermos de Alzhéimer, a miña avoa e outros tres doentes cos que eu non tiña relación. Así, na mostra que se expón agora traballei os mesmos aspectos que traballara nesa primeira exposición. Con todo, como daquela os protagonistas foron as doentes, neste caso quixen traballar a didáctica coas coidadoras, a outra parte non visíbel do Alzhéimer.

Digamos que na parte de manipulación as pezas que están expostas non teñen nada que ver, porque hai diferenzas de destrezas e mobilidade, mais creo que dialogan moi ben dentro do espazo porque tanto cunha parte como con outra traballei os mesmos conceptos: retrato, autorretrato, o uso da palabra, a expresión a través das cores...

Tamén quería que servira para darlle valor aos sentimentos que as persoas que coidan poden ter, porque dentro dese proceso hai momentos nos que te podes sentir orgullosa de coidar, mais tamén outros nos que desfaleces porque as forzas tamén se perden e tan válido é un momento como outro. 

—Alén dos programas, cal é a investigación que fai na súa tese?
É un traballo arredor do concepto de ausencia desde distintas áreas do coñecemento: filosofía, psicoloxía, socioloxía... É unha mestura que para min é indispensábel porque o ser humano abrangue todos estes eidos e a ausencia está presente entre todos eles. E todo isto materialízase en dúas vertentes: a de creación, que estaba presente na primeira exposición que fixen, e a de didáctica artística, que é a que cobra protagonismo na mostra actual.

Digamos que a tese recolle a enfermidade de Alzhéimer como unha mostra física da ausencia. Ademais, tamén está aberta a posibilidade de facer outro programa a maiores mesturando rapazada e doentes, de maneira que poida achegar a enfermidade á xuventude. Penso que se comezamos a concienciar a xente a unha idade máis temperá non se darán os estigmas que hai actualmente. É certo que avanzamos moito, mais ese estigma segue a existir, ou polo menos eu percíboo así.

Comentarios