Contracultura

Bea Saiáns: "A idea inicial era facer sketches na nosa lingua e que tivesen en conta a realidade galega"

Bea Saiáns, cineasta, é unha das fundadoras da produtora Cru, quen vén de rematar o crowdfunding iniciado para lanzar o seu próximo proxecto: 'Delirio Sketchs', definido como unha serie de humor camp e trash cargada de intensidade.
A cineasta Bea Saiáns nunha rodaxe (Foto: Aigi Boga).
photo_camera A cineasta Bea Saiáns nunha rodaxe. (Foto: Carlota Mosquera)

—Como naceu Delirio Sketchs?
A cooperativa Cru fará en marzo do ano que vén dous anos, polo que xa comezabamos a pensar en facer a nosa primeira serie. Esta era unha idea que eu tiña medio escrita desde hai bastante tempo, así que decidimos collela, darlle unhas voltas e presentala no Carballo Interplay, porque era unha plataforma que podía darnos un pouco máis de visibilidade naquel momento.

A idea inicial era facer unha serie de sketches en galego que tivesen en conta a realidade das persoas que vivimos na Galiza e neste lado do sistema, que para nós é un lado disidente e underground. En principio, a gravación da serie está marcada para febreiro de 2024 e contamos con poder ter os capítulos para finais de ano, aínda que os tempos sempre se moven un pouco dependendo dos traballos que si que nos pagan as facturas.

—Precisamente, optaron por un micromecenado para poder desenvolver a serie. Que valoración fan del?
Para min isto xa é o novo Do It Yourself da xente artista. Nós optamos por esta vía porque aínda que temos contactos no sector audiovisual, os Delirio Sketchs teñen moi difícil encaixar nas subvencións públicas. 

O audiovisual é moi caro e vive do Estado, que é algo que me parece xenial, mais tamén é certo que hai determinados produtos que teñen un discurso ou un formato que non conseguen lograr esas axudas e que precisarían de máis tempo de asimilación do sistema para que eses cartos públicos vaian a este tipo de produtos. Nós temos máis présa que os tempos da asimilación, así que decidimos facelo así, que tamén está moi ben porque as persoas van coñecendo o proxecto, funciona como campaña publicitaria e tamén serve para saber a comunidade que hai arredor, algo que non se pode facer cunha axuda pública.

Como valoración final, é certo que non conseguimos o óptimo, mais tampouco investimos tantísimas forzas en movelo. Isto é algo que facemos porque nos apetece moito ás persoas que estamos arredor del e queremos facelo, pero realmente unha serie feita nunha produtora audiovisual grande ou nun sistema de produtoras como Amazon custaría un mínimo de 12.000 euros por capítulo. Nós pedíamos arredor de 4.000 en total porque xa contabamos con facela un pouco trash e ao final conseguimos máis de 3.000 euros.

—Por que custa tanto que encaixen este tipo de proxectos?
Os xurados e organismos públicos que se encargan de dar as axudas audiovisuais teñen unha distancia moi grande co universo Z e millenial, coas persoas do mundo de internet que non consomen tanto cine de pantalla. 

Nós temos a certeza de que o público responderá mellor aos Delirio Sketchs que o propio sistema audiovisual porque é algo que non entenden, non saben quen son estes referentes nin que tipo de formato tolo é este. 

Tamén ten que ver co lugar de precariedade que existe: ser artista xa é difícil, mais se lle sumas o underground e o disidente, esta vai aumentando a opresión que supón non ser fillo dun artista famoso ou non poder acceder a todo este sistema máis alto. Por iso, artistas do colectivo LGBTIQA+ adoitan ter menos cartos e abrir estes crowdfundings. A min persoalmente o tema da representación é algo que me interesa moito e creo que hai un traballo moi bo por facer por parte das persoas que estamos no eido cultural.

Digamos que estamos nun momento no que as categorías de opresión son vistas como representación: ‘Quero que na miña serie apareza unha persoa gorda, unha disca e unha hetero’. Pero a cuestión da representación non funciona así. En Cru, por exemplo, podemos facer unha serie sobre o movemento veciñal e que aparezan moitas persoas cishetero, pero que isto fale máis do sistema cisheteropatriarcal que se fixésemos unha serie na que está cada unha das categorías de opresión pero sen profundidade.

Comentarios