O Ateneo de Pontevedra recorrerá a decisión da Xunta de negarlle un local

Xaime Toxo, agradeceu os apoios recibidos de particulares e colectivos tras coñecerse a decisión "equivocada" da Xunta na que aprecia "falta de rigor" e "moitísima ignorancia, soberbia e prepotencia " na baremación da documentación esixida

Xaime Toxo, presidente do Ateneo, no acto desta quinta feira.
photo_camera Xaime Toxo, presidente do Ateneo, no acto desta quinta feira.

O Ateneo de Pontevedra abandonou esta quinta feira o local que utilizou durante os últimos catro anos no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal e cuxa autorización non foi renovada, ao quedar fóra da repartición dos espazos que se ceden a entidades sociais. 

O  Ateneo organizou unha rolda de prensa no local que agora deixaba na que informaron sobre o recurso presentado ante esta decisión da administración autonómica. No acto leuse un manifesto no que se acusa á Xunta de "actuar de xeito irresponsábel e prepotente" e de manifestar unha "escora notoria cara a formas de cultura mercantilista, anacrónica e de dubidosa imparcialidade confesional". 

O presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo, agradeceu os apoios recibidos de particulares e colectivos tras coñecerse a decisión "equivocada" da Xunta na que aprecia "falta de rigor" e "moitísima ignorancia, soberbia e prepotencia " na baremación da documentación esixida. 

O acto concluíu cunha intervención poética de Ana Corzo e Carmen Quinteiro.

Baremación sorprendente 

O Ateneo foi unha das 28 asociacións adxudicatarias dos locais do edificio da Xunta no ano 2019. A cesión debe renovarse cada catro anos, despois de que unha comisión puntúe os colectivos candidatos segundo uns baremos estabelecidos pola xunta e publicados no DOG. Entre estes están a antigüidade, a relevancia social, o número de beneficiarios ou o uso da lingua. Á convocatoria presentáronse 36 entidades das cales 29 lograron a adxudicación dun local. Entre elas están a Peña da Boina, a fundación antiabortista Remadre, ou a confraría Nuestra Señora del Refugio 'La Divina Peregrina".  

O Ateneo de Pontevedra -fundado no ano 1965- recibiu con estupor a puntuación concedida pola comisión encargada da avaliación das candidaturas, especialmente polos cero puntos adxudicados nos capítulos de 'Igualdade', 'Utilidade pública' e o relacionado coas actividades programadas para o 2024.

Solidariedade co Ateneo 

A decisión da Xunta provocou unha considerábel conmoción social que levou ao grupo municipal do PSOE a pedir que se corrixise a "incomprensíbel"  decisión e a numerosas entidades e personalidades do mundo da cultura a solidarizarse co Ateneo e a pedir a revisión do proceso, até o punto de que a Xunta se viu obrigada a emitir un comunicado no que asegura que o criterio para a cesión e locais foi "exclusivamente técnico" e a reafirmar a total imparcialidade do proceso.  

Manifesto

O manifesto lido esta quinta feira, 31 de agosto, por Xaime Toxo, presidente do Ateneo, recollía as seguintes palabras:

Diante da ofensa, irracional e absurda, perpetrada pola Xunta de Galicia ao negarlle ao Ateneo de Pontevedra o uso dun local administrativo no edificio situado na rúa Benito Corbal da nosa cidade, o Ateneo de Pontevedra desexa realizar as seguintes consideracións:

1.- Agradecer a solidaridade recibida durante estas derradeiras semanas por parte de particulares e colectivos cidadáns que sentiron esta aldraxe como inxusta e propia.

2.- Manifestar o noso desacordo con esta decisión da Xunta de Galicia, non só pola falta de rigor e ignorancia apliacada na baremación da documentación esixida, senón, e sobre todo, polo que demostra: Negar a realidade evidente de que o Ateneo de Pontevedra é – hoxe en día e no ámbito cultural – a asociación máis relevante e activa na cidade, que leva a cabo un maior número de actos, cun maior recoñecemento social e cunha dimensión que excede a contorna do local.

A Xunta de Galicia, ao aprobar esta decisión, actúa de xeito irresponsable e prepotente, e manifesta unha escora notoria cara á formas de cultura mercantilista, anacrónica e de dubidosa imparcialidade confesional.

3.- O Ateneo de Pontevedra continuará desenvolvendo unha cultura baseada nos principios fundacionais do ateneismo: a pluralidade de opinións, o laicismo, o rigor académico e a transversalidade como método de análise e coñecemento da realidade; e o obxectivo irrenunciable de que é a través da palabra libre e documentada como as sociedades constrúen os espazos de convivencia.

Comentarios