O Ateneo de Pontevedra pode perder o seu local

A Xunta de Galiza denégalle a renovación da cesión do espazo.
Xaime Toxo, á dereita, na presentación dun libro de Francisco Xosé Fernández Naval (no centro) organizada polo Ateneo de Pontevedra, xunto co pintor Antón Sobral.
photo_camera Xaime Toxo, á dereita, na presentación dun libro de Francisco Xosé Fernández Naval (no centro) organizada polo Ateneo de Pontevedra, xunto co pintor Antón Sobral.

O Ateneo de Pontevedra podería perder o local que viña ocupando no Edificio da Xunta na rúa Benito Corbal. Na recente renovación da adxucación dos espazos dispoñíbeis, o Ateneo, fundado en 1965, quedou fóra, segundo publica o Diario Oficial de Galiza (DOG) do 11 de agosto. 

O Ateneo foi unha das 28 asociacións adxudicatarias dos locais do edificio da Xunta en 2019. Esta cesión debe renovarse cada catro anos, despois de que unha comisión puntúe os colectivos candidatos segundo uns baremos estabelecidos pola xunta e publicados no DOG. Entre eles están a antigüidade, a relevancia social, o número de benficiarios ou o uso da lingua. Á convocatoria presentáronse 36 entidades das cales 29 lograron a adxudicación dun local. Entre elas están a Peña da Boina, a fundación antiabortista Remadre, ou a confraría Nuestra Señora del Refugio 'La Divina Peregrina".  Mais non unha entidade coa historia do Ateneo. 

 

Nesgo conservador

"Estamos sorprendidos por esta decisión e polos criterios que se empregaron para puntuar a nosa candidatura", declara a Nós Diario Xaime Toxo, presidente do Ateneo. "por poñer un exemplo, outorgáronnos cero puntos no capítulo da defensa da igualdade, cando é un tema ante o cal o Ateneo está especialmente sensibiizado, arredor do cal se organizaron multitude de actos -conferencias, presentacións de libros...- e sobre o cal mesmo mantemos un seminario permanente. Na memoria presentada detallábanse moi minuciosamente as actividades neste campo e noutros que se avaliaban". 

 O Ateneo presentará agora un recurso, "mais non somos optimistas, unha vez publicadas as entidades adxudicatarias no DOG. Mais cremos que temos a obriga de presentalo", explica Toxo. "Existe un nesgo conservador, un concepto de cultura moi mercantilista que propicia que se favorezan estas manifestacións ideolóxico-relixiosas en detrimento doutras miradas".  

 

Comentarios