ENTREVISTAMOS MANUEL FORCADELA

"A liquidación social de Ferrín é síntoma dunha sociedade que está podre"

O Ateneo de Pontevedra proxecta esta cuarta feira ás 19.30 horas o documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín. O seu director, Manuel Forcadela, debulla para Nós Diario os pormenores dun dos tótems da cultura galega do século XX, así como dun filme que conta coa participación de nomes Xosé Manuel BeirasRexina Vega, Álvarez Cáccamo ou Antón Reixa.
Manuel Forcadela web
photo_camera Autoretrato de Manuel Forcadela (oximnasiodeacademo.wordpress.com)

Cal son eses 'Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín'? 

Os Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín é un proxecto de documental que acabou sendo outra cousa, sempre co obxectivo de facer unha aposta pola memoria de Ferrín como figura clave da cultura galega das últimas cinco décadas. Tratamos de mostrar unha figura moi poliédrica, chea de matices, de sentidos, de significantes, tantos que moitas veces o Ferrín en si non ten nada que ver co Ferrín para si. Usando unha terminoloxía un pouco pedante, o Ferrín en esencia ten pouco que ver co Ferrín en apariencia.

De onde xorde a idea de trazar este retrato?

Dunha reunión da directiva do Ateneo Atlántico de Vigo o ano pasado, no que, entre outras propostas para conmemorar o 80 aniversario de Ferrín, propuxen elaborar unha serie de vídeos que atendesen ao percorrido vital da personaxe. 

Como se traza a obra documental para compoñer un todo unitario que mostre quen é Méndez Ferrín?

De dous xeitos distintos. Por unha banda, Xosé Manuel Beiras, como Virxilio na Divina Comedia, condúcenos polos mundos de Ferrín. E por outra, hai un fío cronolóxico, para trazar un percorrido complementado con diferentes voces pola súa infancia, adolescencia, época universitaria, etc.

Xosé Luís Méndez Ferrín é un personaxe histórico, felizmente aínda vivo, que é parte fundamental da historia contemporánea da Galiza

Aparte de Beiras, que outros persoeiros podemos atopar?

Participan unha chea de persoas, até 30, como Rosa López, Xosé María Álvarez Cáccamo, Francisco Sampedro, Anxo Angueira,  Morris ou Xurxo Martínez.

Como foi o proceso de elaboración, no que vostede dirixe, guioniza e monta?

Fixemos un pequeno equipo de rodaxe, con Lucio Martínez Pereda na produción; a axuda inestimábel de Anxo Cabada, un dos grandes fotógrafos galegos das ultimas décadas; e Antón Dávila encargándose do son. E todo con orzamento cero, só se gastaron cartos en comida e encher o depósito de gasolina.

O financiamento correu da vosa conta?

Totalmente. Foi “voluntarismo cultural”, sen ningún tipo de subvención, non recibimos nin un can. Nin o pedimos, ollo.

Malia iso, o filme desenvólvese en numerosas localizacións...

Rodamos por toda Galiza: Ourense, Vilanova, Celanova, Compostela, Pontevedra... Logo en Vigo tiñamos un pequeno estudo de gravación nun local cedido pola Escola de Artes e Oficios, onde filmamos moitas das entrevistas, canalizadas pola lectura dunha serie de textos e poemas de Ferrín que ían ilustrando, en certo, modo ese percorrido vital.

Son, digamos, o fío condutor para trazar un todo unitario en todo ese totum revolutum de escenarios, declaracións de persoeiros, etc.?

Si, en combinación coa ilustración con imaxes de época, fotos, tapas de libros e cadros que teñan que ver co que estamos tratando. Caras e caras falando darían como resultado un filme plano, e deste modo creo que quedou un produto curioso, pois quedou montado dun xeito, non diría que divertido, pero si que se fai ver con agrado.

Deixado a un lado o continente, e centrándonos no contido, de todas esas respostas que foron aflorando ao longo do documental, cal foi a que máis lle sorprendeu?

Para min, pouca sorpresa, pois coñezo o personaxe desde hai 50 anos (Rí). Mais, e sempre desde unha perspectiva aséptica e documental, de fondo pretendemos dar unha resposta á tentativa de linchamento social de Ferrín que tivo lugar na Galiza nos últimos anos, sobre todo a raíz do seu paso pola presidencia da Academia Galega. Non podemos mirar cara outro lado ante esa persecución, pois Xosé Luís Méndez Ferrín é un personaxe histórico, felizmente aínda vivo, que é parte fundamental da historia contemporánea da Galiza, e polo tanto tiñamos que asumila e afrontala, sen tomar partido, pero dicindo, “ollo”, porque nunca foi bo liquidar a xente socialmente após unha extraordinaria carreira creativa, de acción cultural e política. Iso moitas veces é en si mesmo síntoma dunha sociedade que está podre.

A que cre que se debeu ese linchamento?

A que no mundo no que nós vivimos é difícil que alguén aposte por unha vía de solución e de verdade, porque este é un mundo de complicacións e de mentiras. E calquera que opte pola solución dos problemas e pola verdade perante eses problemas, pois vai ter sempre un contrincante visíbel.

Comentarios