CONTRACULTURA

Aser Álvarez, cineasta: "Decidimos presentar as teorías sobre onde poderían estar os restos de Prisciliano"

Aser Álvarez, cineasta, dirixe o documental Prisciliano e a Gallaecia
Aser Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Aser Álvarez. (Foto: Nós Diario)

Aser Álvarez (Bande, Baixa Limia, 1976) dirixe o documental Prisciliano e a Gallaecia, levado a cabo grazas a unha axuda para proxectos singulares da Deputación da Coruña e que segue o camiño desta figura por varias das cidades máis significativas ao longo da súa vida.

Cales foron os lugares nos que se rodou?

A idea de facer o documental de Prisciliano levaba tempo aí, desde a encomenda de Ramón Chao, mais despois do seu falecemento acabamos por facer un documental seguindo o camiño de Chao e agora o camiño de Prisciliano era como unha materia pendente. A rodaxe comezou en xaneiro e foi un proceso moi sorprendente porque había moitas ganas e moita necesidade de saber sobre a súa figura.

Nós percorremos o que era a antiga Gallaecia e estivemos en Braga, Palencia, Astorga, Ávila... Nestes lugares atopámonos cunha moi boa acollida e moita expectación, que nos sorprendeu porque contrasta bastante co pouco querido e reivindicado que é Prisciliano na actual Galiza. É unha viaxe de descuberta polos lugares que están vencellados coa súa figura na antiga Gallaecia e un diálogo con expertos e expertas de todo o mundo que narran o seu traballo arredor del. Hai moitas teorías sobre onde poderían estar os seus restos, polo que decidimos presentalas de maneira rigorosa e científica para que cadaquén poida sacar as súas conclusións ao respecto. Compostela é un dos lugares, defendido por Ramón Chao e Victorino Pérez. Tamén existe a teoría de que podería estar nos Martores (Valga), en Astorga, en Quiroga... 

Cando se estreará?

O documental comeza en Oza dos Ríos (comarca de Betanzos) porque é onde está situado o obradoiro de Tono Correa Corredoira, que ao longo de todo o documental vai aparecendo no seu proceso creativo para a realización dunhas obras de arte relacionadas con Prisciliano. Este verán serán expostas en Entrimo (comarca da Baixa Limia) coincidindo coas Xornadas Arraianas, onde tamén estrearemos o documental. Ademais, é un proxecto multimedia, posto que alén do documental tamén están dispoñíbeis algúns podcast na páxina web (prisciliano.gal). Agora, ademais desta estrea oficial, a idea é divulgalo e envialo a todos os centros educativos da Galiza e do norte de Portugal, mesmo noutras das localidades nas que rodamos. 

Precisamente, tamén fixeron unha preestrea do documental co alumnado do IES Rosalía Castro de Santiago de Compostela.

Interesábanos testar a proxección do documental entre xente que non ten moitos prexuízos sobre Prisciliano e que tampouco soubese nada da figura para ver como funcionaba a peza. Prisciliano tivo moitos detractores e ao final foi un perdedor, e a historia sempre a contan os gañadores. 

No mundo académico hai investigadoras e investigadores de universidades de todo o mundo que están estudando esta figura desde hai tempo, mais iso non transcende á sociedade. A nosa intención era aproveitar todo este coñecemento rigoroso e científico porque, efectivamente, sorprendeunos moito que no ámbito académico fose unha cuestión tan traballada e estudada e que iso non se trasladara. 

Cremos que é necesario dar a coñecer Prisciliano más aló dos prexuízos e ideas que non están fundamentadas ou que non teñen rigor científico e que aínda están na sociedade. Este sería o primeiro chanzo de cara a facer un documental máis amplo de Prisciliano en Europa, porque vemos que a historia ten moito potencial e que tamén hai moitas cidades de Europa vencelladas á súa figura. 

Este non é un documental exhaustivo, senón que pretende que a xente quede con ganas de saber máis. 

Comentarios