As artes inclusivas protagonizan esta fin de semana a XII edición do festival Artes pola Integración

Entre as diferentes facetas desta cita integradora e transformadora destacan as artes escénicas, as artes visuais, o cinema ou a música como instrumentos eficaces e esenciais para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais e interpersoais derivados das demandas, necesidades e procesos inclusivos.
Peza 'O meu lugar' que se poderá ver no festival Artes pola Integración (Foto: Artes pola Integración).
photo_camera Peza 'O meu lugar' que se poderá ver no festival Artes pola Integración (Foto: Artes pola Integración).

A Coruña acolle esta primeira fin de semana de setembro o XII Encontro Artes pola Integración, un proxecto que ten como principal obxectivo romper as barreiras entre artistas e persoas con e sen diversidade funcional e substituílas por vías de acceso bidireccionais que fomenten o coñecemento, o recoñecemento e a inclusión social a través das artes.

Entre as diferentes facetas desta cita integradora e transformadora - que conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o INAEM (Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música), Gadis ou Estrella Galicia - destacan as artes escénicas, as artes visuais, o cinema ou a música como instrumentos eficaces e esenciais para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais e interpersoais derivados das demandas, necesidades e procesos inclusivos.

O festival arranca nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña (zona estanque e edificio Atalaya) a sexta feira 1 de setembro ás 19 horas coa súa presentación para, a continuación, asistir a tres representacións teatrais: a peza curta “O meu lugar!” - dirixida por Rebeca Ponche e Carlota Pérez coa axuda de dramaturxia de Victor Duplá e María Vazquez - baseada na obra “A tempestade”, de William Shakespeare, a peza “Tuétano”, de ExperimentaDanza, versión longa da obra “Non me toques o segredo” representada na pasada edición do festival, e “Mordiendo la verdad. Recuperando la memoria de las mujeres”, de Palomica Lloca Producciones, un premiado espectáculo que combina teatro, música, danza y poesía visual.

A primeira xornada do XII Encontro Artes pola Integración chegará ao seu fin co “Encontro de videodanzas e diversidade”, unha colección de proxectos de linguaxe audiovisual en colaboración co prestixioso Fiver Internacional Dance Film Festival.

No caso de que as condicións climatolóxicas impidan o desenvolvemento desta xornada na súa localización inicialmente prevista ao ar libre, o programa do día trasladaríase ao Centro Ágora en horario de 18 a 21 horas.

O sábado 2 de setembro o evento trasládase ao Centro Ágora onde, ás 16 horas, se inaugurará a exposición “A mocidade crea”, proxecto realizado en colaboración con SacraExperience logo dun proceso de dous anos de formación e elaboración e que está conformada por fotografías, artes plásticas e videocreacións realizada por adolescentes.

Ás 16.40 horas dará comezo a “Asemblea Diversa”, nesta edición centrada nos museos como espazos e referencias terapéuticas, onde coñeceremos as experiencias de Rebeca Ponche, especialista en artes terapéuticas, Juan García Sandoval, Conservador de Museos da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Karen Lund Orbeta. arteterapeuta especialista en arte e museos, Encarna Lago, Xerente da RedE Museística Provincial de Lugo, e a doutora Alexandra Gerstain, do CourtLaud Museum de Londres. A “Asemblea Diversa” rematará cun obradoiro experiencial.

Posteriormente, ás 20 horas, Yurdance ofrecerá o seu espectáculo de danza “The Sound of the Void” sobre a fraxilidade humana e a impermanencia da vida para, a continuación, gozar da actuación da Big Band Basket Beat, un proxecto de movemento, arte, educación e acción social cunha metodoloxía que explora todas as posibilidades que nos ofrece unha simple pelota de baloncesto.

Esta cita chegará ao seu fin na xornada do domingo 3 de setembro, xa na praza da Constitución, na Cidade Vella coruñesa e en horario de 17 a 20 horas, co “Concurso de pezas para a comunidade”, unha convocatoria aberta a creadores e creadoras - dun mínimo de dous e un máximo de catro intérpretes - que presenten as súas propostas de danza, música e teatro dun máximo de 15 minutos de duración onde se reúna a persoas con e sen diversidade. Unha vez representadas, un xurado de expertos seleccionará dúas pezas, así como o público asistente unha terceira, que recibirán 500 euros de premio. Seleccionaranse un máximo de 10 pezas para este concurso.

En definitiva, o XII Encontro Artes pola Integración suporá, un ano máis, toda unha oportunidade para que o público coruñés se achegue ás artes inclusivas creadas para a comunidade grazas á Asociación Diversos, entidade responsábel do festival.

Comentarios