Camiño Escena Norte comeza o seu itinerario

As artes escénicas dialogan no norte penínsular

O proxecto Camiño Escena Norte presentou esta cuarta feira a súa cuarta edición, na que seguirá actuando como elemento vertebrador e de intercambio das artes escénicas do norte da península.
'DeMente', de Fran Sieira, na presentación de onte.
photo_camera 'DeMente', de Fran Sieira, na presentación de onte.

A cuarta edición de Camiño Escena Norte (CEN) expándese no seu compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías da Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra. Ao abeiro do lema Medran os sorrisos, CEN 2022 conta cunha programación especial que se celebrará do 10 de setembro ao 9 de outubro, na que participarán 15 compañías. 

A praza do Obradoiro acolleu onte a presentación de Camiño Escena Norte 2022, acto no que se deron cita representantes institucionais dos gobernos implicados na proposta; así como de Vegalsa-Eroski, patrocinador do evento, membros das compañías galegas e da xunta directiva da ESAD de Galiza. 

Galiza contará cun total de sete sedes. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro acollerán a representación de oito espectáculos, alén de diferentes actividades e do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. 

A primeira cita será o 10 de setembro na Praza da Quintana (Santiago) coa navarra La Banda Teatro Circo e o seu espectáculo Kimera. Á fin de semana seguinte, a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil La niña de las trenzas al revés, da compañía asturiana El Callejón del Gato. O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá dúas funcións nunha mesma fin de semana: o 29 de setembro será a quenda dos vascos Erre Produkzioak e o seu Fake (trampantojo), mentres que o día 2 de outubro a
compañía cántabra Escena Miriñaque presentará Del otro lado

De cara á fin de semana seguinte chegará o groso da programación de CEN 2022 naGaliza. Os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo Mímesis, de Zig Zag Danza (recomendado para público de entre 0 e 3 anos), achegarase a Ames e Vilalba; mentres o sábado 8 que El Enjambre, da vasca Vaivén Producciones, poderase ver en Viveiro, e La caja flotante, do navarro Ion Iraizoz, formará parte da programación do FIOT de Carballo. Finalmente, a Cidade da Cultura acollerá o espectáculo de peche deste Camiño Escena Norte: será da man da obra para público familiar El secreto de Julio Verne, de Fantastique Company (Asturias).

Ademais, a escena galega estará representada polas compañías Marta Alonso Tejada, co seu espectáculo Bailar Agora; Fran Sieira Compañía de Danza, con DeMente  e Pistacatro, con Sonámbulo. As tres compañías viaxarán a localizacións como Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo ou Viana.

 

Camiño expandido

Cruzamentos, o programa de estancias deseñado para promover o encontro artístico e profesional, comezou o 11 de agosto e finalizará o 10 de setembro. As galegas ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras participan nel. 

Por outra parte, CEN estrea ESADs en Camiño, un programa de colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramático (ESAD) de Galiza e Asturias e a de Arte Dramático e Danza de Euskadi, Dantzerti. O alumnado destas escolas entrará en contacto cos profesionais que interveñen nesta edición do CEN a través de encontros, obradoiros e prácticas que lles permitirán coñecer un día de traballo dunha compañía en xira. 

Ademais, entre o 13 e o 15 de setembro, o Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo acollerá a terceira edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que conta con 44 compañías e distribuidoras inscritas, e no que participarán máis de 70 axentes do sector. 

Comentarios