Artelixo celebra o seu 25 aniverario convertindo Redondela na capital galega da arte reciclada

As actividades serán entre os días 19 e 30 de abril e xa está aberto o prazo de inscrición.
53761241_2099023543485255_2493728466701123584_o
photo_camera Imaxe incluída na pasada edición de Artelixo.(Foto: Nós Diario)

Co obxectivo de facer de Redondela "un grande escenario onde poder amosar as inquietudes, preocupacións ou disconformidades da poboación a través do arte, en distintas expresións como a pintura ou a escultura con material de refugallo (Artelixo), música (Sonalixo), poesía (Parnalixo) e talleres artísticos para os máis cativos e cativas (Obralixo)", o Colectivo Artelixo abre o prazo de inscripción de proxectos e ideas para esta iniciativa.

A nova edición do evento desenvolverase no centro da vila de Redondela entre os días 19 e 30 de abril. Un ano máis, o colectivo ArteLixo é a entidade responsábel da súa organización, máis conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Redondela, así como de distintos colexios e institutos, ademais de varios comercios locais, que empregan os seus escaparates a modo de expositor.

Desde a organización sinalan que, no ano 2020, Artelixo estará dedicado á "pegada da humanidade na terra", concepto sobre o que xirarán todas as actividades.

O Colectivo ArteLixo apunta que supón, tamén, "unha metáfora diso que se deu en chamar a pegada de carbono, a cantidade de gases de efecto estufa que producimos cos nosos hábitos diarios, que non é senón unha metáfora da capacidade destrutiva da especie humana, especie cun talento desmesurado tanto para a máis fermosa xesta como para o máis terríbel e estúpido dos crimes: a destrución do seu medioambiente; un desequilibrio e desgaste tal que ameace a súa propia subsistencia e un mundo enteiro".

"Esa pegada -engade- é cada vez máis cheirenta. Unha pegada que xa manca. Porque tamén hai humanidade sensíbel. Que sente. Que sofre. E a ela diríxese esta intervención de Artelixo. Para que se repense. E recúe. Porque os pasos atrás non sempre son covardes. E este é o máis valente e avanzado que se pode dar hoxe en día".

25 anos de historia

O Artelixo nace no ano 1995 en Redondela por iniciativa do coñecido como Colectivo Josefá como protesta a un vertedoiro de lixo situado preto da feira do gando no centro da vila, continuando coa súa actividade reivindicativa até o ano 1999. 

Xa en 2012, o Colectivo Senghasoil inclúe o Artelixo nunha programación con máis actividades da mesma índole "político-social-cultural", e lévao a cabo en colaboración con membros do Colectivo Josefá, "recuperando o espírito reivindicativo que deu vida ao evento nos anos 90 para loitar contra os problemas actuais: Lixo político, económico e social".

As seccións nas que hoxe se estrutura o evento son catro: Artelixo, Obralixo, Parnalixo e Sonalixo. A primeira, que dá nome á actividade, consiste, como o seu propio nome indica, na "expresión plástica e artística a través do lixo".

A segunda, Obralixo, está dirixida a cativas e cativos para "evidenciar a importancia da reutilización dos materiais de refugallo", mentres que o Parnalixo céntrase na "expresión poética do sentir a través do lixo". Finalmente, o Sonalixo constará dunha serie de actuacións musicais espontáneas.

Comentarios