Artábria reivindicou Carvalho Calero no XXXIII aniversario do seu pasamento

Este sábado, activistas da entidade cultural ferrolá penduraban unha pancarta da fachada da casa natal de Carvalho Calero denunciando a responsabilidade do Concello de Ferrol e da Xunta do seu abandono.

Casa natal de Carvalho Calero coa pancarta (Foto: Artábria).
photo_camera Casa natal de Carvalho Calero coa pancarta (Foto: Artábria).

A entidade cultural ferrolá Artábria realizou este sábado, pasadas as seis tarde, a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero que a asociación leva realizando desde inicios dos anos 90, coincidindo co aniversario do seu pasamento.

A música tradicional de Xoldaina daba paso a unha escolma de poemas do polígrafo ferrolán recitados, baixo unha intensa choiva, por Omar Calderón Yáñez, Loreto de Castro, Antón Cortiças, María Xosé Martínez, Roi Saiz Mallo e Iolanda Gomis.

Silvia Bogo foi a encargada de intervir en representación da directiva de Artábria. Bogo manifestou a necesidade de reivindicar a figura do ilustre veciño e denunciou a situación da súa casa natal afirmando que foi "a inanición e incompetencia das administracións responsábeis, Xunta e Concello de Ferrol a que nos levou a esta situación".

A activista lembrou que era neste 2023 cando estaba previsto que finalizaran as obras de restauración da casa natal de Carvalho xunto a outros catro predios da contorna con fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel e Integrada (Edusi).

"A realidade é que a 25 de marzo de 2023 aínda non se iniciaron os trámites administrativos no Concello" afirmou a representante de Artábria.

Por último, Bogo manifestou que "estamos fartas de promesas incumpridas e exiximos a reconstrución do edificio e a creación da casa museo que lle faga xustiza".

O acto finalizaba cunha ofrenda floral ao pé das ruínas da casa da rúa San Francisco e o canto colectivo do himno galego.

Acción na súa casa natal

Na mañá do propio sábado, activistas da Artábria penduraban da fachada do predio unha pancarta de 4x4 metros co lema de "Património cultural em ruínas. Responsáveis: Xunta e Concelho de Ferrol" para denunciar o papel de ambas administracións no estado da casa de Carvalho Calero.

Comentarios