O teatro amador segue a manter viva a obra escénica de Carvalho Calero

A Sociedade Cultural Medulio de Ferrol presenta o vindeiro sábado 21 de maio, ás 19 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta de Compostela, unha representación da Farsa das zocas de Ricardo Carvalho Calero.
Un intre da posta en escena da obra teatral a 'Farsa das zocas'.
photo_camera Un intre da posta en escena da obra teatral a 'Farsa das zocas'.

Estaba no programa das Irmandades da Fala a recuperación da soberanía estética da Galiza. E, dentro dese proxecto, Vilar Ponte consideraba que o teatro era a “arma de máis eficacia para a propaganda lingüística e para a educación das masas”. Algo diso foi esquecéndose -probabelmente pola ubicua presenza do audiovisual na nosa sociedade- mais o teatro segue a ser, talvez, a arte que máis se aproxima a unha asemblea popular na que se dirimen os asuntos que preocupan ao público. E, en moitas ocasións, é o teatro amador o que asume ese labor de sensibilización e de fomento dos valores cívicos e culturais. 

A Sociedade Cultural Medulio de Ferrol presenta o vindeiro sábado 21 de maio, ás 19 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta de Compostela, unha representación da Farsa das zocas de Ricardo Carvalho Calero que, en parte, responde a esas motivacións de difundir valores. Neste caso, dun autor que cultivou o teatro cunha fonda conciencia do papel que esa arte podía xogar no seo da sociedade galega. 

Elia Rico Lagarón, presidenta da Sociedade Medulio e unha das actrices que fan parte do elenco da obra, explica que a montaxe comezou a xestarse para conmemorar a figura de Carvalho no ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, "mais entón chegou a pandemia e todo o proceso de ensaios tivo que deterse, polo que todo se atrasou. E un dos motivos para retomalo foi, precisamente, que a Covid provocou que moitas das actividades preparadas para esa celebración tivesen que suspenderse, deixando o Ano Carvalho un pouco deslucido. Dalgunha maneira, seguir difundindo a obra de Carvalho Calero é unha forma de desagravio". 

Rico opina, ademais, que esta función pode servir como unha forma de compensar "a falta de interese do teatro institucional polos nosos clásicos. A representación destes autores sería positiva non só para divulgar a súa obra, senón tamén para afianzar entre o público a nosa cultura e a nosa lingua". 

A obra, dirixida por Francisco Rodríguez, tivo, polo de agora unha única representación no Teatro Jofre de Ferrol, e a recepción, segundo Rico, foi bastante boa. "A xente riu moito, e iso sempre é un bo indicador", lembra. 

O certo é que a Farsa das zocas, é, dentro da seriedade da obra de Carvalho Calero, unha comedia inspirada en motivos populares, o que facilita a chegada a todo tipo de públicos. "En principio, semella fácil de montar", di a directora da Sociedade Medulio, "mais axiña te decatas de que unha obra esixente, tanto no plano lingüístico como no artístico". 

Sen perder de vista esa inspiración popular, efectivamente, existe un enorme esforzo de estilización que transforma a obra nunha peza que se afasta do realismo costumista. O propio Carvalho subliñaba esa vertente simbólica do texto: "Cando algunha vez dirixín a representación desta obra aconsellei que as personaxes actuaran cunha certa rixidez semellante á dos títeres, porque é unha farsa verdadeiramente (...), é un teatro de barraca, propio para ser interpretado ao ar libre, aínda que admita tamén unha versión moi sofisticada". 

Unha obra no ronsel da modernidade brechtiana

A Farsa das zocas, escrita en 1948 por Carvalho, alicérzase no teatro popular, mais afástase del na creación dun código que, en palabras do propio autor, é "tan primitivo que resulta moderno, e plausíbel sempre para o espectador verdadeiramente inxenuo ou verdadeiramente culto". De feito, o de Ferrol emprega unha serie de recursos tomados do teatro oriental e do de bonecos que achegan a obra a algúns dos postulados de Bertolt Brecht sobre o distanciamento.  A peza de Carvalho, que segue o ronsel modernizador do teatro de Castelao e de Otero Pedraio foi, con seguridade a peza máis representada do autor, aínda que sempre da man de colectivos amadores. 

En 2020, a compañía A Quinta do Cuadrante preparou para o Consello da Cultura Galega unha lectura dramatizada da obra, dirixida por Tito Asorey.

Comentarios