Rubén Riós conduce a serie que emite en Youtube Orgullo Galego

'Arrieiros somos' dálle voz ao rural

As produtoras Claqueta Coqueta e A Sombra Estudios presentan mañá, ás 21 horas e a través da canle de Yotube de Orgullo Galego, a serie documental Arrieiros somos.
arrieiros1
photo_camera Fotograma dun dos capítulos da serie 'Arrieiros somos'. (Foto: Nós Diario)

As produtoras Claqueta Coqueta e A Sombra Estudios presentan mañá, ás 21 horas e a través da canle de Youtube de Orgullo Galego, a serie documental Arrieiros somos. Trátase dunha aposta do equipo do actor e presentador da serie, Rubén Riós, pola “terceira idade, neste caso afondado no amor pola natureza, polo rural”. 

"Decatámonos de que o amor estaba moi presente, de que neste momento o único que nos pode salvar é o amor", explica Riós, que comezou a idear proxectos de "empoderamento da xente maior do rural" durante o confinamento pola Covid-19, "ao ver a tristura dos meus pais", lembra o actor.

O primeiro capítulo de Arrieiros somos, dun total de 12 que se emitirán cada sexta feira ás 21 horas, discorre polo concello de Arzúa e ten como protagonistas “o amor entre unha nai e un fillo, como é o caso de Cecilia de 92 anos e Manoliño de 53, unha familia monoparental”, relata Rubén Riós.

A serie parte da anterior produción de Claqueta Coqueta, Camiñantes do noso, que segue o mesmo formato que Arrieiros somos, para entrar nas aldeas polas que pasa a Vía da Prata do Camiño xacobeo. “No segundo ou no terceiro capítulo de Camiñantes xa vimos que había moitas máis cousas que contar e, sobre todo, que queriamos achegarnos a aldeas polas que non pasara o Camiño”, explica o presentador e produtor.

Arrieiros somos ten o obxectivo “non só de xerar contido de entretemento, senón tamén empoderar e apertar a xente que forma parte de cada episodio", que transcorren nos concellos de Arzúa, Caldas de Reis, Oimbra, Riós, Viana do Bolo, Cambados, Beariz, San Xoán de Río, Toén, Xinzo, Vedra e Negreira.

O éxito colleitado por 'Camiñantes do noso'

Orgullo Galego xa foi a plataforma escollida para a difusión de Camiñantes do noso, que agora tamén se emite sábados e domingos ás 11.55 horas na Televisión da Galiza

“Orgullo deunos moitas alegrías con Camiñantes”, puntualiza Riós, “xa non en impactos, senón que en reproducións estamos a falar de 100.000, que non está nada mal, vendo tamén o abondosa que é oferta”.

A miniserie percorre a Vía da Prata desde A Canda até Compostela “na busca da mirada de anciáns e anciás das poboacións polas que pasa”. 

Comentarios