A armada tradicional galega ten unha cita en Sada, de 3 a 6 de agosto

O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza, que chegará a Sada o 3 de agosto, preséntase como “catalizador” dos valores que conectan o patrimonio propio co desenvolvemento económico, social e cultural. A cita congregará durante catro días un cento de embarcacións no porto de Fontán e concentrará actividades sobre a cultura mariñeira e fluvial para todos os públicos, tanto no mar como na terra

cukturmar

Un acto institucional, que contou coa presenza do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto co presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, José Luis Sacau, e o presidente da asociación cultural e mariñeira Os Patexeiros de Sada, Miguel Martínez Modroño, serviu para presentar este sábado, día 15, o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza, coorganizado por Culturmar, Os Patexeiros e o propio Concello de Sada, coa colaboración da Xunta e outras institucións.

O evento, que se desenvolverá en Sada entre os días 3 e 6 de agosto, contará cunha completa programación no mar e tamén en terra, con actividades para todas as idades que inclúen, ademais das citas náuticas, exposicións sobre a cultura mariñeira e fluvial e os seus oficios relacionados, presentacións, obradoiros, música, xogos, teatro e outras propostas para o público infantil.

O evento conta tamén cun programa inclusivo, que este ano ten como entidade convidada a Aspace, vinculada a persoas con dano cerebral e as súas familias, para achegar a cultura do mar a persoas con diversidade funcional.

“Dezaseis anos despois de que a nosa frota navegara as augas de Ferrol, en 2007, regresamos ás mariñas coruñesas, a unha vila mariñeira por dereito propio. Sada é hoxe unha localidade puxante, centro turístico de primeira magnitude que mantén un vínculo directo co mar: conta cun dos portos deportivos máis importantes de todo o litoral galego e cantábrico, conserva aínda unha importante actividade mariñeira e conta tamén cun colectivo, Os Patexeiros, que segue a salpicar de velas tradicionais a ría, facéndonos lembrar o pasado esplendoroso da vida mariñeira sadense”, sinalou o presidente de Culturmar na presentación, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, José Luís Sacau quixo salientar “a potencia de Sada e das Mariñas Coruñesas como un dos grandes polos de desenvolvemento do país en todos os planos: económico, industrial, demográfico, turístico e tamén cultural”, e o seu papel na reivindicación do patrimonio propio.

“Sobran exemplos que nos indican que o desenvolvemento debe ir parello coa salvagarda dos valores patrimoniais e debe ser respectuoso con eses valores, de maneira que no fío da historia nunca perdamos a referencia do que somos e de onde procedemos”, considerou Sacau, e chamou a que este XVI Encontro sirva, como en anteriores ocasións, “de catalizador para que todos os axentes, desde as institucións ao tecido social e económico, poñan as súas enerxías, con orgullo e determinación, ao servizo duns valores que nos deben identificar como país e como comunidade humana madura e moderna”.

Nese sentido, o presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial reclamou “políticas decididas” como a delimitación de áreas portuarias específicas para que a frota tradicional poida ser exhibida e desfrutada como un museo vivo, a potenciación da renovación xeracional dos carpinteiros de ribeira a través da formación regrada e a revitalización da actividade de construción naval en madeira recoñecendo o seu valor en termos ecolóxicos, económicos e medioambientais”, tendentes a “garantir o futuro deste patrimonio que, doutro xeito, corre serio perigo de esvaecer”.

Pola súa parte, o presidente de Os Patexeiros, Miguel Martínez, destacou no acto a impacto desta cita coa cultura mariñeira e fluvial alí onde se celebra. “Sería fermoso que non terminase o Encontro de Embarcacións o día 6, que este transformase a sociedade de Sada e puxese no primeiro plano eo seu orgullo mariñeiro”, desexou.

A asociación sadense, que fai 15 anos de actividade, dará a coñecer formalmente no marco do Encontro o seu proxecto para a creaciòn do Museo A Flote, “unha proposta para poder exhibir as nosas xoias flotantes, as nosas embarcacións tradicionais fondeadas ao longo dunha parte de paseo marítimo de Sada”, avanza Martínez.

O proxecto físico, adiantou Martínez, leva asociada ademais unha capa no metaverso, que consiste en navegación nas embarcacións a través de realidade virtual. Programa de mar e terra Aínda que o groso das actividades deste XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais se concentra entre o 3 e o 6 de agosto, a programación de mar comeza este mesmo mes, cando dá comezo o III Convoi Tesa a Escota Proa a Sada, que arriba en Muros o vindeiro día 23 para navegar até Sada, a onde chegarán os barcos o 30 de xullo,

Comentarios