Gonzalo Constenla: "Ari[t]mar é o único certame da península que conxuga música e poesía da Galiza e Portugal"

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, é un dos organizadores de 
aRi[t]mar, que esta semana culminou a súa oitava edición coa gala de entrega de premios. Constenla fai balance dunha edición "récord" e dun proxecto nado para difundir a música e a poesía aproximando as realidades galega e portuguesa.
O coorganizador de aRi[t]mar, Gonzalo Constenla (Foto: Nós Diario).
photo_camera O coorganizador de aRi[t]mar, Gonzalo Constenla (Foto: Nós Diario).

—Que valoración fai tras esta oitava edición de aRi[t]mar?
Logramos cumprir o obxectivo que nos marcaramos de acoller o maior número de xente posíbel, xa que no auditorio cabían arredor de 700 persoas, así como no que se refire á votación popular. 

Batemos récords absolutos de todas as edicións, tanto na Galiza como en Portugal, co cal estamos moi satisfeitos. Digamos que foi pórlle o ramo a un proxecto que ten continuidade durante todo o ano, comezando nas propias aulas como un proxecto pedagóxico a partir do cal se xeran as propostas para nomear músicas e poesías tanto da Galiza como de Portugal. 

Sempre dicimos que é un certame que destaca porque é o único da península que conxuga música e poesía de ambos os territorios e ademais non premia unha traxectoria nin un disco ou libro. Prémiase unha peza concreta. 

E ademais é o único premio poético e musical da Galiza que vén do público e non da crítica. 

—Diría entón que hai unha consolidación do proxecto?
A progresión en número de votos medra ano tras ano, a repercusión mediática tamén, cada vez chámannos de máis sitios para presentar o proxecto... Este ano por exemplo estivemos nun evento en Bélxica e na Fira Mediterrània e tamén temos invitación para o Festival Música, Arte, Tecnologia e Educação (Coimbra) e para o Womex (A Coruña). 
Quero dicir que é un proxecto que vai máis aló do ámbito local, de Santiago, e xa está superando tamén o ámbito galego-portugués. Para nós é moi importante porque non queremos que quede aquí, pensamos que é un proxecto estratéxico que pretende reforzar os vínculos da lusofonía. Canto máis impacto teña tamén é un mellor investimento dos cartos públicos.

Non se trata, por tanto, de que chegue a máis xente simplemente porque si, senón para que chegue esa idea de que a Galiza e Portugal compartimos unha mesma lingua con dúas variantes diferentes, algo que é bo para todas as persoas tanto en termos culturais como en termos económicos e sociais. 

O feito de ignorar o que ocorre no noso país irmán creo que é unha rémora do pasado, de mirar a Portugal cunha certa displicencia e agora o que temos que facer é restaurar eses vínculos históricos, lingüísticos e culturais que nos unen. 

—Percibe maior achegamento entre ambas as realidades?
Durante estes oito anos e tamén despois de impulsar a creación da Rede da Galilusofonía, observamos intercambios que foron a máis, un fluxo de interaccións entre as iniciativas dun lado e do outro do Miño. É un traballo no que xa foi pioneira Uxía e nós o que queríamos era darlle continuidade e pór o noso gran de area para que se amplificara aínda máis. Creo que é algo que se percibe na axenda dos festivais que forman parte da Rede e tamén doutros que existen, froito tamén desta interacción que facemos. 

—Salienta a diversidade das iniciativas recoñecidas nestas oito edicións.
Iso é algo que observamos nós tamén, porque as propostas que foron saíndo salvo contadas excepcións convertíanse despois en proxectos consolidados ou en revelacións do ano. Creo que o noso público ten esa sensibilidade e ese interese en fixarse no que está saíndo novo para que a partir de aí sexan apoiados nese arranque ou nese proceso de consolidación.

Pasou con Xabier Díaz na primeira edición, con A banda da Loba na terceira, con Tanxugueiras e agora con Fillas de Cassandra, porque estas foron seleccionadas como nominadas polo xurado en xaneiro, cando aínda non tiñan o impacto de hoxe. Iso di unha cousa tanto da poesía como da música galega: hai unha eclosión magnífica, que ás veces parece que non se corresponde coa vitalidade da lingua ou da cultura, mais aínda que os datos reflictan un retroceso, tamén hai unha maior calidade na defensa do uso da lingua e de manter a nosa identidade.

Comentarios