Anxos Fazáns, cineasta: "Coa cuestión trans o que intentaba é normalizala ao máximo e á vez que non fose o centro da película"
—Como nace o proxecto e en que medida o filme estaba moi escrito ou mudou coa elección da actriz e o actor que o protagonizan?
Foi un proceso longo. Comezou cunha idea moi vaga a partir da premisa base dun asalto a unha casa, o ladrón que queda durmido e a persoa dona da casa atópao alí dentro. Nese momento os personaxes non estaban definidos, non sabía nin o xénero nin a idade; todo se baseaba nunha noticia que lin hai moitísimos anos do caso real dun ladrón que fica durmido nunha casa. Cando intentei atopar a noticia orixinal constatei que casos coma ese suceden en diferentes partes do mundo a cada pouco. Esa era a escusa, o punto de partida, mais no fondo a min o que me interesaba deses dous personaxes, que claramente non teñen nada en común e se atopan nunha situación moi violenta na que o habitual sería que xurda o odio, a rabia, o medo e a violencia, era explorar a posibilidade de que iso non aconteza entre eles e pola contra encontren un espazo para se coñeceren. A idea formuleilla a Silvia Fuentes, a miña socia e produtora, mentres viaxabamos ao Festival de Sevilla en 2017 para a estrea da miña primeira película, A estación violenta; iamos no coche e durante a longa viaxe intentei convencela do argumento e ela retrucábame que non podían coñecerse, que o normal sería chamar á policía, que era unha situación imposíbel, e eu entendía que tiña razón, mais debía haber un xeito de escribir esa historia. Empecei a matinar quen tiñan que ser esas persoas para que iso fose posíbel e como debían suceder as cousas para que chegasen a coñecerse. Foi un proceso curioso porque se ben é unha historia de personaxes, ao comezo estes non estaban, estaba só a narración, a trama. A primeira decisión que tomei foi elixir o seu xénero e idade; a idade era bastante evidente porque parecía obvio que a persoa dona dunha casa debía ser maior ca a persoa que entra nela. Porén, ao xénero deille moitas voltas. Eu xusto estaba investigando a cuestión de xénero, sempre me interesou moito traballar sobre o corpo, a sexualidade e as temáticas asociadas. Decidín bastante cedo que a persoa maior fose unha muller de 50 anos, porque están menos representadas no cinema, e axiña veu tamén que a persoa nova fose un rapaz trans, porque era unha realidade que comezaba a coñecer de cerca e tampouco existía unha representación no cinema que a min me parecese realista a respecto da xente que eu coñecía. Existen representacións da cuestión trans, aínda que máis das mulleres trans, mais historicamente tiraban moito dos clixés que todas temos na cabeza. Mais pasei anos escribindo e pensando sen saber quen ían encarnar eses personaxes. Sucede ademais que por esas datas fundamos Sétima, a produtora, e eu empecei a traballar tamén para outras directoras e directores, a traballar para levantar a empresa. Foron seis anos de ir avanzando coas reescrituras, coa obtención do financiamento, co desenvolvemento do proxecto e logo da propia produción.
—Ao imaxinar eses personaxes, tiña claro tamén os seus roles, os seus oficios, as súas características? Porque son personaxes fóra dos roles arquetípicos de "muller madura" e "rapaz trans".
Foi tamén un proceso de construción no que probei profesións distintas mais o tema da música entrou xa nunha fase moi temperá. Ao principio simplemente había música, mais logo decateime de que a música podía ser o fío conector dos personaxes e que, polo tanto, tiña que formar parte das súas vidas e do seu traballo, da súa configuración como persoas, que ían estar unidas a partir diso. Iso si que estaba escrito e non ten nada que ver coas persoas reais que os acabaron encarnando. O de que non sexan habituais... si que perseguía un pouco iso, escapar dos esquemas máis comúns destas personaxes que, para alén de estar pouco representadas, cando aparecen nos filmes tenden a ser moi estereotípicas. Para ela sentín unha sorte de proxección: eu non son unha muller desa idade, mais vouno ser, así que creeina dende as mulleres que coñezo e pensando en que nos filmes moitas veces vemos mulleres de 50 que para o que é a vida real hoxe en día en realidade se corresponden máis ben con mulleres de 70 anos, filmes que representan as mulleres desa idade como se foran anciás e avoas, cando a xente de 50 que eu coñezo vai de festa, vive a súa vida e ten intereses e paixóns. Con el sempre me sentín máis cerca por idade, porque cando comecei eu andaba polos seus anos. Ao principio sentíame máis preto de Denís e resultábame moito máis sinxelo escribilo a el e logo acabei estando moito máis preto de Bea dende o momento en que me dou conta de que ela podo ser eu mesma dentro duns anos.
[Poderás ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 6 de febreiro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]