É a sétima autora galega que se fai co galardón

Andrea Maceiras gaña o premio Lazarillo cunha “aposta á imaxinación desbordante”

Unha obra “ben urdida e entramada cunha linguaxe poética de belísimas escenas que transportan a un mundo galáctico” valeulle á escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) o premio Lazarillo na modalidade de creación literaria. Rusgalía títulase a obra, “unha aposta á ciencia ficción e á imaxinación desbordante”.
 

Andrea Maceiras
photo_camera A escritora Andrea Maceiras. Foto: cedia.

Ao galardón, un dos principais dirixidos a literatura infantil e xuvenil no Estado español, dotado con 3.000 euros e convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli), presentáronse 119 orixinais, 108 escritas en galego, 9 en galego -entre elas a gañadora- e dúas  en catalán.

Maceiras convértese así na sétima autora galega que obtén o premio. Agustín Fernández Paz foi o primeiro, alá por 1990. Sucedérono Marilar Aleixandre (1999), Gloria Sánchez (2000), An Alfaya (2005), María Solar (2014) e Ledicia Costas (2015 e 2017). Entre os libros que publicou até agora atópanse Proxecto Bolboreta (Xerais, 2007), Volverás, golfiño (Xerais, 2014) ou O que sei do silencio (Xerais, 2018).

A Oepli, entidade sen ánimo de lucro, é a sección estatal do IBBY (International Board on Books for Young People, Panel Internacional sobre Libros para Xente Moza), “encárgase da realización e coordinación de todo tipo de actividades de promoción relacionadas co libro infantil e a lectura”.

Comentarios