Contracultura

Andrea Isasi: "O meu obxectivo pasa por introducir nas escolas a cultura do consentimento"

Andrea Isasi, actriz e directora de casting, vén de impartir un curso sobre a coordinación de intimidade e os protocolos de consentimento na Escola Superior de Arte Dramática da Galiza (ESAD). Isasi aborda a importancia destas ferramentas nas aulas e nos traballos audiovisuais e teatrais xa que, como ela di, “o obxectivo é que abuso non sexa subxectivo, senón que sexa algo obxectivo que pode ver todo o grupo”.  
Isasi traballa como coordinadora de protocolos de consentimento para plataformas como Amazon ou Netflix (Foto: Nós Diario).
photo_camera Isasi traballa como coordinadora de protocolos de consentimento para plataformas como Amazon ou Netflix. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu "Cinza e lume"? Que é a coordinación de intimidade?
É un rol moi novo no Estado español. Actualmente, estou en formación na escola Intimacy Directors and Coordinators con Abigail Kessel. Por unha parte, unha coordinadora de intimidade debe ter experiencia en escena, saber como funciona o proceso de ensaios ou unha rodaxe. Tamén debe ter unha serie de ferramentas de autocoidado e derivadas da psicoloxía, porque nos enfrontamos a situacións de moita vulnerabilidade.

Eu estou formada en comunicación non violenta, en mediación, en medicina chinesa e en terapia Gestalt. O que facemos é, unha vez que a dirección explica como quere rodar as escenas de intimidade, comezar a xerar os protocolos de consentimento coas actrices e actores. 

Por intimidade, entendemos escenas nas que haxa sexo simulado, bicos, caricias, intimidade física, miradas a xenitais, masturbación... E son escenas moi complicadas porque cada persoa ten que estar moi pendente de non invadir a outra. 

—Como funcionan eses protocolos de consentimento?
Precisamente, o curso que fixemos na ESAD estaba centrado nisto. Foi unha petición da directiva como unha forma de aportar ferramentas para que o alumnado sinta que é un espazo máis seguro tendo en conta que o caso dos tres profesores acusados de acoso sexual foi sobresido e están reincorporados. É moi importante porque é a primeira vez no Estado que unha ESAD pide un obradoiro de protocolos de consentimento e dá a coñecer o rol da coordinación de intimidade.

O obxectivo é que o abuso non sexa subxectivo, senón que sexa algo obxectivo que pode ver todo o grupo. Por exemplo, se nun protocolo non hai consentimento para o contacto físico sen antes preguntar e un profesor toca sen preguntar, todo o grupo sabe que se rompeu o protocolo.

É a ferramenta fundamental da coordinación de intimidade porque traballamos os límites propios, recoñecer unha dinámica de respecto e unha de poder, a conciencia para dicir que non e as situacións de coacción. Tamén é moi importante saber que nun consentimento non hai lugar para a opinión nin o xuízo, é o que é porque atende á autoridade persoal. 

Con estes protocolos coidamos a intimidade das persoas e iso non é cuestionábel por ninguén, nin sequera por un criterio pedagóxico, porque eu levo máis de 20 anos sendo profesora de interpretación e sei que non é imprescindíbel tocar. Non hai nada que eu non poida mostrar desde o meu corpo ou corrixir coa palabra. É importante coñecer estes protocolos para que non haxa unha mala interpretación: o alumnado non decide o que se fai na aula, o único que decide é o que pasa co seu corpo. 

—Como se leva isto á escena?
Como dicía, non hai nada de pracer. Logo, ocorre a maxia e o que se ve é outra cousa, mais a nivel de actuación é moi complicado e incómodo. O meu obxectivo neste proceso é crear un espazo de seguridade onde as actrices e actores sintan a tranquilidade de poder dicir que non, que é o máis difícil porque hai moita coacción e moitos intereses. O único que permite que o consentimento sexa libre é que dicir ‘non’ sexa unha opción. Despois deste diálogo, eu falo coa dirección e fanse axustes como por exemplo modificar movementos de cámara.

O mesmo ocorre no teatro, mais neste caso é moito máis delicado porque os procesos de ensaio son moito máis longos e se estes protocolos non están presentes desde o comezo o malestar e a inhibición acaba afectando a todo o grupo, a propia autoestima e a calidade profesional. Por iso, o meu obxectivo agora é introducir nas escolas a cultura do consentimento, xa sexan de teatro ou de secundaria, porque isto é unha ferramenta de vida.