A obra literaria de Ana Cabaleiro protagoniza o 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario abordamos tamén a censura franquista da obra de Castelao 'Sempre en Galiza' e o legado de memoria da guerrilla de Lupe Martínez.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a escritora Ana Cabaleiro, que conversa con Tensi Xesteira sobre a súa última obra, Xa vemos palmeiras (Xerais, 2023). A cabalo entre a crónica de viaxes, a novela e mesmo o ensaio, o libro parte dunha viaxe organizada que realiza unha muller en fin de ano ao deserto. Unha anécdota que lle serve á xornalista de Saídres para artellar unha trama con moitas reflexións sobre o presente.

"Eu tiña un problema á hora de definir que tipo de libro quería facer. Un libro de viaxes ao uso non me parecía oportuno, porque non tiña material para construílo. A metade das cousas había moito tempo que pasaran, concretamente 15 anos. O propio xénero literario fallábame, e por iso non estaba cadrando. Comezou sendo algo híbrido, entre unha viaxe propia, na que a voz narrativa se impoñía. Pero eu non sei definir este libro. Non é autoficción pura, non é crónica de viaxes, pero si ten reflexións sobre o que significa ser turistas e viaxeiras", conta a autora nesta entrevista.

Lupe Martínez: a memoria da guerrilla antifranquista

A primeira reportaxe deste Sermos corre a conta de Antón Mascato, que fala da socióloga, funcionaria da Administración e investigadora Lupe Martínez. Naceu na metade de 1979, de orixes familiares labregas, con pai de Santa Comba (Xallas) e nai de Touro (comarca de Arzúa), parella que remata por asentar a familia na cidade da Coruña na procura dun mellor futuro para as fillas.

Lupe Martínez ten preferencias sobre os comportamentos das persoas da guerrilla; uns resúltanlle máis empáticos e outros menos, en base á súa traxectoria no monte ou ao que puideron deixar escrito, ou ao que outras testemuñas din deles. "Constrúo a miña imaxe, persoal, desas persoas; aínda que non o pretenda, iso transmítese seguramente na redacción das fichas; intento ser obxectiva, non decido que o Foucellas, ou Ponte, resulten simpáticos, ou Moncho, antipático.

Sempre en Galiza e a censura franquista

Sempre en Galiza constitúe, con certeza, o libro galego máis perseguido polo franquismo. O acoso foi constante e á vez obstinado. Así, non se permitiu a importación das edicións arxentinas e moito menos se tolerou que se emprendese calquera intento de imprentar a obra no noso país. Os exemplares editados en Bos Aires e París que entraban clandestinamente tamén viron obstaculizada a súa difusión. Disto fala na segunda reportaxe Xosé Manuel Dasilva.

Asegunda edición de Sempre en Galiza, publicada en 1961, insería unha "Nota dos editores" abondo ilustrativa no referente á súa prohibición por parte do franquismo. Indicábase, en primeiro lugar, que Castelao determinara en persoa que se reservase unha cantidade de exemplares da edición orixinal para que o pobo galego os recibise cando o contexto fose outro. Unha segunda información especificaba que esa partida xa estaba enteiramente esgotada, pola circulación furtiva de Sempre en Galiza a esta beira do Atlántico.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos na sección de libros as últimas novidades no sector, a comezar por Doutor Glas, de Hjalmar Söderberg e traducida ao galego por David Á. Álvarez Martínez (Irmás Cantoné, 2023), e O bico da serea, de Siqi Luis Yang e Uxía Larrosa (Deputación da Coruña, 2023). No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Ardén, de Mondra. Pola súa parte, Gustavo Couto asina o artigo titulado 'Banda sonora do Nadal'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla de forma retrospectiva o filme Der letzte Mann, de F.W. Murmau (Alemaña, 1924), e Sole Felloza achega o artigo 'Con ben veñas', dentro da sección Patrimonio Oral. Aliás, Lázaro Armental convídanos a 'imaxinar un mapa' e Pepe Barro, no apartado de Deseño, analiza a marca Malingre.

Por último, as dúas páxinas de Pasatempos, como vén sendo habitual, corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios