Contracultura

Ana Cabaleiro: "Para min unha casa é o lugar onde nacín e crecín a nivel persoal e a nivel literario"

O caderno de verán 'Máis' que acompaña 'Nós Diario' achega ás lectoras e lectores desde hoxe ao sábado o relato inédito Esta casa que Ana Cabaleiro escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas, Ana Cabaleiro constrúe unha viaxe introspectiva a través dos pensamentos e dos sentimentos dunha protagonista que busca sobreporse a unha dolorosa ruptura sentimental.

PHOTO-2023-07-11-19-04-02
photo_camera A escritora Ana Cabaleiro afonda no relato que esta semana se poderá ler no caderno 'Máis'. (Foto: Xosé Filloy)

—Presenta unha viaxe polo ciclo do amor, desamor e o reencontro da protagonista consigo mesma. O desengano, os recordos... Relata a dificultade para superar unha relación dependente?
Basicamente si. Realmente o que quería pór enriba da mesa con este relato son as dificultades que ás veces, ou sempre que eu o aprecio en persoas da contorna, entrañan as relacións tóxicas.

As relacións tóxicas que agora se ven moito parece que son unha situación na que se pode elixir estar ou non estar, mais por algunha razón da psicoloxía humana non sempre é tan doado. É un proceso longo que necesita tempo, que necesita reparación, que necesita reflexión e que non está libre de sufrimento.

—Estase a voltar a un patrón de relacións dependentes e mesmo tóxicas logo de anos onde precisamente se puña en valor o contrario?
Non creo que haxa dous momentos diferentes. Quero dicir, penso que hai que pór en valor a independencia nas relacións, isto depende tamén de ter os medios posíbeis, e sobre todo de que a liberdade individual sexa respectada. 

Hai realidades que non van parellas co que defendemos. Non é cuestión do que defendemos ou deixamos de defender na literatura. A min gustoume sempre traballar coa fenda, con esa fenda que contrasta coa tendencia do que sería o ideal. Cando falo de empoderamento feminino ou cando falo de feminismo, falo moitas veces de ideais que teño como persoa feminista. 

Cando escribo, escribo sobre cousas que lastran o meu día a día. Quero dicir, escribo sobre cousas que permanecen e que non fan posíbel que o ideario que teño a nivel persoal se realice.

—A protagonista realiza o Camiño de Santiago para escenificar un novo comezo e conectar novamente consigo mesma, por que o Camiño?
Por un lado porque o Camiño é realmente un tipo de viaxe totalmente diferente do habitual, é dicir, é unha forma de viaxar que se pode facer de moitas maneiras pero que se saía do común. 

Elixín precisamente o Camiño porque se deturpou e a maneira que hai actualmente de facer o Camiño perdeuse en moitos sentidos. Supoño que é posíbel facelo en certo silencio, e de maneira individual, pero está francamente masificado, mercantilizado e ao servizo do capitalismo, e está ao servizo incluso das viaxes organizadas que son o contrario ao espírito do Camiño, dunha peregrinación. Por iso eu quixen meter o Camiño como unha toma de distancia física e real e tamén como contraposición do que se converteu o Camiño nos últimos tempos.

—A protagonista relata con naturalidade como visitou a psiquiatra para tratar a súa depresión. Que papel teñen as obras literarias para normalizar que se fale de saúde mental?
Non sei exactamente se a saúde mental ten un protagonismo específico no relato, quero dicir, eu creo que forma parte do proceso. Coñezo moi pouca xente que nunca tivese que pasar por algún tipo de tratamento psiquiátrico ou psicolóxico ou por algún tipo de terapia. Forma parte da nosa realidade e do proceso narrativo do relato.

—A protagonista define “casa” como “o lugar ao que pertencemos”. Cal é a súa?
Unha casa que supera os límites físicos dun lugar. Para min unha casa foi o lugar onde nacín e crecín moito a nivel persoal e tamén a nivel literario. É o caso da miña aldea, da miña familia de sangue e da miña familia elixida, e tamén é o lugar onde elixín vivir, que é Compostela.

Comentarios