‘Amigo Carvalho, Do Halley ao Hubble’, a banda deseñada de Pepe Carreiro sobre o escritor ferrolán

‘Carvalho, Lingua e Terra’, é a xornada de Galiza Cultura para afondar na vida, obra e importancia do escritor. 

Pepe Carreiro Carvalho

A Federación Galiza Cultura, en colaboración coas Deputacións da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, convoca as asociacións culturais e centros de ensino á xornada “Carvalho, Lingua e Terra”. Con esta finalidade, edita unha banda deseñada sobre a súa vida, obra e pensamento da autoría de Pepe Carreiro que ademais de imprimir e distribuír gratuitamente, ponse disposición pública en PDF na web da Federación.

Esta xornada emitirase pola canle de youtube de Galiza Cultura (https://youtu.be/vvae_B6S1m4). Será o 25 de marzo, data de pasamento de Carvalho, ás 20:00 horas. Intervirán Mª Pilar García Negro (escritora e profesora da UDC, especialista en sociolingüistica e literatura galega), Manuel Castelao Mexuto (catedrático de lingua e literatura galega e investigador) e Mª Victoria Carballo Calero é catedrática de Arte na Universidade de Vigo e filla de Carvalho Calero.

Galiza Cultura incide en que o movemento asociativo “leva reivindicando desde hai décadas unhas Letras Galegas a Carvalho Calero. Cando ao fin se concederon, unha pandemia fixo que nin no ensino nin nas asociacións puidéramos celebrar como quixéramos esta conmemoración. Adiámola unha e outra vez agardando mellores circunstancias, mais non podemos adiar por máis tempo a nosa homenaxe e difusión, tan necesaria, deste persoeiro a quen tanto debe a nosa lingua e cultura”.

Comentarios