Amauta Castro gaña o Pérez Parallé de poesía cun libro de amor e desamor

A tarde. O desacougo é a obra co que Amauta Castro (Euskadi, 1981) vén de se facer coa 31ª edición do Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé, otorgado a autoras e autores inéditos en libro individual.
 

amauta castro 2
photo_camera O poeta Amauta Castro. Foto:cedida.

“Ten catro partes bastante diferenciadas”, relata a Sermos Galiza, “e tres delas teñen como tema común o amor, as relacións humanas. Comeza coa parte positiva e vaise deslizando cara á separación e a ruptura”. A cuarta sección de A tarde. O desacougo céntrase no propio acto de escribir e Castro defínea como “metapoética”.

Libro de expresión espida, responde á necesidade do autor de se “desfacer de cousas”. A constelación de referencias e combustibles cos que traballou abranxen a poesía epigramática, Safo, certas prácticas literarias xaponesas, artes non figurativas ou Uxío Novoneyra. “Procurei a máxima elocuencia coas menos palabras posíbeis”, di.

Amauta Castro escribe en galego, aínda que desde 2004 reside en Salt (Girona), onde emigrou por razóns laborais. “Escribir poemas foi a maneira de manter viva a lingua”, expón. O poeta empregáa na casa -co seu fillo e coa súa parella, galega-, pero non no exterior. “Axiña aprendín catalán”, sinala, “e nese idioma desenvolvo a miña vida fóra”.

Esa condición extraterritorial non supuxo un problema para a escritura de Castro. Máis ben ao contrario. “Cando emigrei, hai case 15 anos, quixen manter certa distancia coa poesía e a literatura galega. Demasiada proximidade conduce a repetir esquemas”, explica, “eu falo varias linguas e fixen inmersión en diferentes campos literarios, ou culturais: o anglosaxón, o xaponés, o catalán... Sempre me interesou ter un pé aquí e outro alá”.

A busca da singularidade -na que tamén inclúe as pescudas na plástica ou no teatro- non lle impide considerar que “a poesía galega está, desde hai anos, nun intre francamente bo. Tento estar ao día”.

O Pérez Parallé


Amauta Castro non agardaba a distinción. “Enviei o libro a última hora e cando me chamou Eduardo Estévez [poeta e coordinador do certame, que organiza o Círculo Mercantil Unidade de Fene] o domingo á noite, levei unha gran sopresa. Pensei que xa se fallara o sábado”, di, “logo pensei, 'vaia, recibir o Parallé con 37 anos'. Pero en realidade recibiuno aquel rapaz que aos 12 anos colleu libros da biblioteca da súa nai e do seu avó: Celso Emilio, Neruda, Rosalía ou Miguel Hernández”.

O xurado da 31 edición do galardón formárono as poetas Berta Dávila (Compostela, 1987), Miriam Ferradáns (Bueu, 1982) e Manuel Forcadela (Tomiño, 1958). O premio implica a publicación na editorial Espiral Maior da obra gañadora e mais 2.500 euros. Anteriores edicións gañáronas auotras como Mario Regueira (Ferrol, 1979) -en 2005 con Tanxerina-, Fran Cortegoso (Pontevedra 1984-2016) -en 2013 con Memorial & danza-, Xiana Arias (A Fonsagrada, 1983) -en 2006 con Ortigas- ou Miriam Ferradáns -en 2016 con Nomes de fume.

Comentarios