CONTRACULTURA

Alberto Ruiz de Samaniego: "Juan Carlos Meana entendía as obras de arte como unha forma de abrir interrogantes"

Alberto Ruiz de Samaniego, doutor en Filosofía e profesor de Estética e Teoría das Artes, é o comisario da exposición Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas (Museo de Pontevedra), nacida como “unha homenaxe a toda a súa carreira como artista, como docente e como mais como compañeiro”.
O profesor de Belas Artes, Alberto Ruiz de Samaniego. (Foto: UVigo)
photo_camera O profesor de Belas Artes, Alberto Ruiz de Samaniego. (Foto: UVigo)

—Como naceu a idea para pór en marcha esta exposición?
Juan Carlos Meana estaba enfermo e xa non podía dar clase, polo que na Facultade de Belas Artes (Universidade de Vigo) decidimos que cumpría facerlle unha exposición de homenaxe a toda a súa carreira como artista, como docente e como compañeiro. 

A nosa intención era que el puidese estar presente, mais a causa dos seus problemas de saúde e polo tempo que se tarda en organizar exposicións como esta acabou falecendo antes de que puidera inaugurarse. Levaba máis de 40 anos traballando neste eido, polo que hai que coñecer moi ben todo o seu percorrido así como facer pescudas para saber onde atopar as obras. Foi un pouco labor de detective nalgúns casos, porque había obras que eu quería traer que xa non existían e ademais ao final da súa vida desfixérase de boa parte delas. 

—Houbo dificultades para tratar de que fose unha mostra representativa do seu traballo?
Como é habitual en artistas actuais, el traballaba xéneros moi diferentes. Eu diría que fundamentalmente era escultor, centrado máis ben en instalacións, mais tamén desenvolvía o seu labor a través da fotografía, o vídeo ou a escritura incluso. Publicou bastantes libros tanto de teoría da arte como máis enfocados á súa relación coa linguaxe, que era un tema que lle interesaba moito tamén.

Era importante que todos estes ámbitos estivesen reflectidos porque son como todos os prismas dun mesmo universo. Tamén é certo que foi un labor relativamente doado porque Juan Carlos ten configurado o seu universo desde o inicio. Por exemplo, se el está traballando nun vídeo ou nunha fotografía, pode estar aludindo ao mesmo tipo de temas ou valores nunha instalación. Poderíamos dicir que é un artista moi unívoco. 

Ademais, o traballo do comisariado tamén é estabelecer os significados non só entre as obras individuais senón tamén un diálogo entre o espazo do museo e as diferentes instalacións. Tamén neste caso tratamos de contextualizar moitas desas prácticas artísticas de Juan Carlos incluíndo fragmentos de pensamentos e de reflexións del mesmo como vinilos nas paredes da exposición. 

—Na súa obra destaca a visión do obradoiro como un laboratorio de conflitos. Como se traduce isto na exposición?
El entendía as obras de arte non tanto como unha proposta resolutiva, senón como unha apertura de preguntas. Era unha concepción moi achegada ao filosófico da obra de arte. No taller, rumiaba e dáballe voltas a cales serían os significados simbólicos que poden ter os obxectos que el ía traballando para, desde aí, poder propor conflitos e problemas e abrir interrogantes.

É o mesmo que sucede cos ensaios filosóficos: cuestiónanse as cousas, ábrense problemas, que despois quen le ten que asumir tamén e volver a rumiar. O que pasa é que o que se xera non é un coñecemento matemático ou científico, senón algo máis achegado ao coñecemento simbólico ou poético. Un coñecemento sensíbel que parte da materia e que podemos atopar ao longo de toda a historia da arte, desde as covas de Altamira. 

O funcionamento simbólico de Juan Carlos vén caracterizado polo uso dos obxectos cotiáns. Quizais o espello é o que máis utiliza porque este é unha ponte para a identidade, mais tamén manifesta a imposibilidade mesma de ser un mesmo. É o símbolo perfecto da conciencia, presente no mito de Narciso, que morre precisamente por tratar de alcanzarse a si mesmo, por tratar de acadar un autocoñecemento que é imposíbel que sexa pleno.

Tamén utiliza outros obxectos como as cuncas do almorzo ou os xabóns, que representan os procesos de purificación dos nosos corpos. Os mastros nos cales colocamos bandeiras como unha forma de delimitar simbolicamente a comunidade, no seu caso están sempre sen emblema ou caídos.

Comentarios