Contracultura

Alba Rozas: "Estamos nun momento de pulo e de revalorización da fantasía e da ciencia ficción"

Alba Rozas, filóloga, é unha das fundadoras de Boadicea Editora, que se centra na fantasía, a ciencia ficción e o medo a través de obras orixinais e traducións ao galego da produción europea, asiática e anglosaxoa. Rozas aborda o nacemento do proxecto así como a complexidade dos procesos que hai arredor das publicacións, mais que, como di ela, “paga a pena porque é unha aposta pola calidade”.
Boadicea Editora nace da man de Marcos López, Alba Rozas e José Manuel Dopazo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Boadicea Editora nace da man de Marcos López, Alba Rozas e José Manuel Dopazo (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu Boadicea?

Eu colaborara de forma externa coas dúas editoriais de fantasía que houbo na Galiza: Contos estraños e Urco. Despois, convidáronme a incorporarme a un podcast de fantasía e ciencia ficción, Baleiro perfecto, e foi a raíz del e de ver os oíntes que iamos gañando e que moitas veces pedían lecturas que pensei en montar a miña propia editora, tamén cos azos do resto de integrantes do podcast. 

Había moitas cousas que me apetecía facer e ademais, que é algo que estou considerando agora que xa saímos ao público, penso que estamos dando un salto xeracional, porque o público do podcast é distinto do que tiñan estas editoras. Se cadra é moi aventurado pensalo así, mais é a sensación que eu teño. 
 
Por que centrarse na fantasía, na ciencia ficción e no medo?

Primeiro porque son os grandes xéneros esquecidos na literatura galega e aínda que houbo algúns intentos de incorporalos, e que considero que quedaron ben logrados, había que ter continuidade, e iso non foi así. E despois porque somos frikis. Gústannos eses xéneros e estamos nun momento de pulo e de revalorización da fantasía e da ciencia ficción. Cando vin que en Baleiro perfecto tiñamos máis de 300 escoitas de media deime de conta de que había público. Se cadra hoxe digo isto e mañá temos que fechar, mais si que penso que había un oco por cubrir. 
 
Cales son as coleccións coas que conta a editora actualmente?

Baixo o meu punto de vista facía falta unha editora que movese público e libros actuais e sobre todo que recollese todas as faixas de idade. Nós temos a colección 'Cartafol de fantasía', que está dirixida a crianzas de entre tres e seis anos. Esta ten unha finalidade sobre todo didáctica e polo momento só ten un libro, O biosbardo e os paxaros sen cor, aínda que virán máis. 

Despois está a colección 'A miña primeira novela de', que comezou en Contos estraños, mais como a editei eu deixaron que a levara comigo. Está dirixida ao público de entre doce e quince anos e son novelas que recollen tópicos dos subxéneros: maxia, o oeste, aventuras, piratas, etc. 

A que inicia a editora propiamente dita é As aventuras do Cabaleiro de Prata, na colección 'A miña primeira novela de cabalarías', e que lle encargamos a Ana Mariño porque ten unha tese sobre os tópicos neste tipo de novelas e en galego non hai nada específico.

Para adultos publicamos a tradución ao galego de Ubik de Philip K. Dick e en breve comezarán a saír outras orixinais e algunhas traducións de China Miéville, Octavia E. Butler ou Úrsula K. Le Guin. Non sempre se conseguen os dereitos de autoría e non é o mesmo se tes un proxecto e un catálogo fortes que se estás comezando. 
 
No que respecta ás traducións, tamén se lle dá prioridade a quen non ten obra en galego.

Para nós era importante porque son ocos que quedan por cubrir e que poñen a literatura galega a altura do resto de sistemas literarios. Por exemplo, China Miéville e Octavia E. Butler non teñen obra na nosa lingua. A tradución témola externalizada en especialistas, e de feito diría que é a parte máis custosa porque a isto hai que sumar os dereitos de autoría.

Con todo, pensamos que paga a pena porque é unha aposta pola calidade. Por exemplo, O hobbit (Rinoceronte) eu lino por primeira vez en galego e con todas as partes malas que poida ter é unha tradución mellor feita que a do castelán en Minotauro. Inclusive persoas que o len e que non son da Galiza recoñecen que o len porque é o que hai. Isto é un traballo que ninguén che paga, porque nós somos unha asociación sen ánimo de lucro e da calidade das obras encargámonos nós. Son moitas horas de traballo e apostas fortes. 

Comentarios