Aid rapea a Rosalía

En “A xustiza pola man” a rapeira Aid atopou os versos máis acaídos para o seu novo disco-libro Rapoemas (Galaxia), un traballo no que se musican clásicos da nosa literatura en clave de rap.

Na Feira do Libro de Vigo preséntase hoxe día 3 o disco-libro de Aid, Rapoemas, un traballo sorprendente na que a voz máis coñecida do rap galego canta poemas de Rosalía, Curros ou Manuel Antonio. Poemas, escritos algúns no século XIX, que volven aos ritmos actuais e urbanos do rap a través desta singular iniciativa que pode achegar á xente máis nova outra forma de ver a nosa historia literaria.

De todos os poemas escollidos, Aid, nome artístico de Aida Alonso Iglesias, foi en Rosalía onde atopou a materia máis acaída para o rap. “Os seus poemas teñen un ritmo marcado, os versos saen moi libres e adáptanse con facilidade á música” sinala Aid que, se pode escoller un deles queda, sen ningunha dúbida coa forza e a enerxía de “A xustiza pola man”. Tamén responde á filosofía rapeira o “A emigración” de Manuel Antonio que, ao seu ver, “está moi no día, moi aplicábel ao momento que vivimos, cando hai moita xente marchando de novo do país”.

“Cada tempo ten o seu xeito de expresarse. O de Rosalía era un, o meu outro pero os dous conviven ben, tanto o rap como a poesía poden ser subversivos” defende Aid. De se o rap pode atraer á xente nova a ler poetas como Rosalía e Curros, Aid pensa que os prexuizos son malas compañias para todo. “Nese sentido o traballo pode ser positivo, facer que a xente que se achega ao rap mire con outros ollos aos poetas e a xente que le poesía galega vexa doutra maneira o mundo do rap, co que tamén hai prexuizos”.

Confía Aid que o disco soe tamén maís alá de Galiza e, do mesmo xeito que o rap chegou a ela noutra lingua, os versos que canta teñen vontade de traspasar fronteiras. “Están a ser escoitados a través da rede en América e xa me chegaron varias solicitudes de México para preguntar onde poden mercar o disco” explica, aínda que anota que non recibiu polo de agora solicitudes de Barcelona ou Madrid.

En Rapoemas é fácil apreciar o fascínio de Aid por Rosalía. A metade do disco está dedicado á poeta de Follas Novas. “Non sei que ten, os seus poemas son incríbeis, teñen forza, sentimento, un ritmo xenial, cadran ben e son fáciles de rapear. Aí hai moito sentimento para expresar” apunta con entusiasmo.

Comentarios