O vindeiro 27 de marzo conmemórase o Día do Teatro e a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) escolleu ao actor Evaristo Calvo para ser o autor do manifesto que tradicionalmente se difunde nese día.
Calvo era o presidente da AAAG hai 25 anos, cando se organizaron os primeiros Premios María Casares, que neste 2021 aínda teñen pendente a súa data de realización por mor da situación sanitaria derivada da Covid-19.
No documento, o integrante do dúo Mofa&Befa e da compañía Producións Teatrais Excéntricas, Evaristo Calvo reivindícase como “intérprete” e confesa que “sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores cos ollos abertos pero sen boca e sen a musculatura facial que a circunda”.
“Rostros illados, distantes e inexpresivos”, continúa en referencia a este “contexto presuntamente provisorio, no que está restrinxida a razón da existencia do teatro, que é a congregación”, sentenza o intérprete.
Evaristo Calvo incide en que nestas circunstancias de “restrinximento” o que perden as intérpretes do teatro “é o sentido da nosa esencia como tales”, alén da precariedade ou o empobrecemento material que poidan padecer.
E engade que “Esta peste imprevista vén sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociábel do noso oficio; o desemprego e a baixa consideración social dos e das artistas”. Mais o actor tamén defende que o teatro é unha “arte inmortal que ten a súa cara viva no agora, no tempo dos vivos”.
Con este manifesto, Evaristo Calvo únese a nomes como o de María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldao&Lado, Carlos Santiago ou Imma António, que en anos precedentes escribiron o Manifesto Mundial do Día do Teatro.