Abride a Fiestra une a cultura galega ao redor de Rosalía de Castro

A Casa de Rosalía de Castro, en Padrón (O Sar), convértese esta domingo 13 de xullo no centro da cultura galega coa celebración da sétima edición do Festival Abride a Fiestra.

Sin título
Público asistente ao Festival Abride a Fiestra que se desenvolve este domingo na Casa de Rosalía de Castro, en Padrón (O Sar). (Foto: Casa de Rosalía de Castro)

O Festival Abride a Fiestra, programado cada ano ao redor 15 de xullo, data na que se conmemora o pasamento de Rosalía de Castro, é un evento destinado ao público familiar que combina música tradicional, ensaio, poesía, humor e gastronomía.

O encontro toma o nome últimas palabras coñecidas de Rosalía de Castro, que segundo a versión da súa filla Gala, antes de morrer no 1885 afirmou: “Abride a fiestra, que quero ver o mar”.

Os actos desenvolvidos hoxe arrancaron cunha conversa das profesoras e escritoras Pilar García Negro e Carme Fernández Pérez-Sanjulián ao redor de Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos, un volume que recolle os traballos da primeira sobre Rosalía de Castro.

Un "radical patriotismo galego"

García Negro indicou a Nós Diario que "se trata dun volume que recolle unha secuencia de traballos desde hai 40 anos". Nesta dirección, apunta que a obra de Rosalía de Castro xira sobre un "radical patriotismo galego", "un profundo e intenso feminismo que actúa sempre con atención á maioría social" e "unha irrenunciábel liberdade de pensamento, con independencia de criterio e unha mentalidade moi avanzada no moral, no ideolóxico e no histórico".   

A xornada acolleu, tamén, a presentación da novela A ferida imaxinaria, a última obra da escritora Berta Dávila, e do número nove da revista de estudos rosalianos Follas Novas, a cargo do seu director, Xosé Luís Axeitos.

A edición de 2025 ten como eixo central as voces femininas da música tradicional galega. Así, ás 18 horas Mercedes Peón, Ana Fernández, Ana Romaní, Susana Aríns e Andrea Nunes conversarán arredor do proxecto 'Somos Pandereteiras', unha proposta colectiva que reúne a destacadas artistas e personalidades da cultura do país, nunha reivindicación da forza e do valor comunitario das cantareiras.

Unha xornada de música

A presenza musical corre a cargo de grupos como De Ninghures, e o do grupo liderado por Gloria Pavía e Rafa Morales, baixo o nome Paco&Lola. Un dos momentos máis esperados será a actuación de Canto d’Aquí, grupo portugués que interpreta versións de poemas de Rosalía e temas do Zeca Afonso.

A programación inclúe espazos para o humor coas actuacións de Carlos Blanco  e momentos de convivencia ao redor da gastronomía local.

Comentarios