A obra de Virxilio Viéitez leva a súa imaxe de Galiza a Madrid

En coprodución co Marco de Vigo, o Espacio Fundación Telefónica abre en Madrid até o 19 de maio unha grande retrospectiva do fotógrafo Virxilio Vieitez de máis de 300 imaxes. Conferencias, un ciclo de cine e obradoiros de fotografía acompañarán a mostra.
@Virxilio Vieitez
photo_camera @Virxilio Vieitez

Canda as máis de 300 imaxes que Virxilio Vieitez capturou no seu entorno rural, na exposición de Madrid mostraranse materiais do seu estudo, cámaras e obxectos persoais, achegándose ao universo deste fotógrafo que retratou a veciñanza da Terra de Montes e que foi recuperado hai máis de unha década para os centros de arte.

Arredor da exposición, artículase un programa de actos que contempla, entre outras actividades, o ciclo de conferencias “Galicia, os anos de Virxilio Vieitez” no que participarán o escritor Suso de Toro, os fotógrafos Manuel Senón e Alberto García Alix ou os pintores Eduardo Arroyo, Antonio López e Antón Patiño, coa coordinación de Miguel Fernández Cid.

Co traballo fotográfico de Vieitez como argumento, Victor Coyote artellará unha peza de microteatro que se representará os días 6 e 7 de marzo. “O Cine en Galicia, Galicia no cine” será o ciclo que, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe, proxectará en Madrid filmes como a recuperada El Armario de Rogelio Amigo, Galicia y Buenos Aires, de José Gil, The Way de Emilio Estévez, Mamasunción de Chano Piñeiro, El bosque animado, de José Luis Cuerda ou A aldea:o antigo e o novo, de Ignacio Vilar. Obradoiros de fotografía e un concurso de foto de carnet on line completan a programación.

A comisaria Enrica Viganó define a Vieitez como un fotógrafo que sentía “que era o mellor no seu oficio, mais que non se consideraba a sí mesmo como autor, e que, desde logo, non imaxinaba que, despois de cincuenta anos, se recoñecería na súa produción o valor autorial e artístico que o situaron na encrucillada de xéneros e saberes”.

Comentarios