A Federación de Bandas comeza o seu Campus Musical

Clases maxistrais, mesas redondas, concertos do alumnado e do profesorado ademais de convívio arredor da música é o que ofrece o IV Campus Musical organizado pola Federación Galega de Bandas de Música que ten lugar en Compostela do 9 ao 13 de xullo.

Máis de 120 alumn@s matriculáronse na cuarta edición do Campus Musical que, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música, se desenvolve en Compostela do 9 ao 13 de xullo. Aulas de especialidades como clarinete, contrabaixo, fagot, frauta, óboe, percusión, saxofón, trombón, tropa, trompeta, tuba-bombardino ou violonchelo responden ás necesidades de formación de boa parte do abano instrumental das bandas.

Un profesorado de excepción compón o cadro que impartirá as distintas especialidades, con procedencia privilexiada dos Conservatorios Superiores galegos ou doutros lugares como Madrid, Salamanca, Viana do Castelo Espinho, Porto ou Lisboa ademais de entidades como a Orquestra Sinfónica de Galiza ou a Orquestra da RTVE. Destaca en especial a presenza de profesores portugueses entre os que se atopan Gonçalo Dias de trombón, Abel Pereira de trompa, Sérgio Pacheco para trompeta ou Sérgio Carolino nas aulas de tuba-bombardino. Da Orquestra Sinfónica son docentes no Campus das bandas Gabriel George Tanasescu en violonchelo e Alex Salgueiro no fagot.

A variada oferta do Campus Musical fan desta iniciativa da Federación galega de Bandas de Música unha das propostas formativas máis interesantes dos cursos de verán e propician ademais o convivio de mozos e mozas que están a tocar nas numerosas bandas do país. O programa, ademais das aulas individuais ou en grupo especializadas, componse de conferencias, concertos de cámara, do profesorado ou do propio alumnado. Na primeira xornada, a presidenta da Asociación Galega de compositores, Margarita Soto, o director do Conservatorio Profesional da Coruña, Jesús López Prado, o director da Banda de Santa Cruz de Rivadulla, José Rodríguez Ramos ademais do director da Banda Sinfónica da FGBNP debaterán arredor da situación das bandas e o seu auxe e a explicación da súa permanencia no tempo malia a escaseza de recursos.

A vicepresidenta da Federación galega de Bandas, Lucía Carreira destaca da iniciativa os “altos coñecementos adquiridos polos mozos e mozas cun profesorado de alto nivel, trátase dun curso de formación que, alén desas aulas permite vivir durante uns días arredor do mundo das bandas”. Lucía Carreira sinala tamén que “hoxe nas bandas o nivel de formación é alto, con músicos que estudan no conservatorio por iso este curso se entende como unhas aulas de perfeccionamento para que repercutan na calidade das bandas”. A FGBM está composta por 87 bandas federadas formadas por máis de 5.000 músic@s.

Comentarios