A defensa do conxunto arqueolóxico de Coeses chega ao xulgado

A defensa do conxunto arqueolóxico de Coeses, en perigo de destrución pola autovía do Ministerio de Fomento, chega ao xulgado a iniciativa de ADEGA, Lugo Patrimonio, Asociación de Amigos do Patrimonio e Castroverde e Cultura do País. 

Defensa de Coeses (Cultura do País)
photo_camera Defensa de Coeses (Cultura do País)

As catro asociacións que se uniron para sumar forza na defensa do conxunto arqueolóxico de Coeses presentan agora diante dos Xulgados de Lugo unha solicitude na que se reclama o cumprimento da Lei de Patrimonio e se respecten os informes preceptivos das escavacións arquelóxicas. 

ADEGA, Lugo Patrimonio, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde e Cultura do País denuncian que tanto a Xunta como o goberno central anunciaron mesmo sen ter rematadas as escavacións “a súa intencion de arrasar a presunta necrópole dividindo a integridade do conxunto arqueolóxico”. 

As catro asociacións diríxense ao Ministerio Fiscal para comunicarlle o perigo que corre o conxunto arqueolóxico de Coeses coas obras do trazado da autovía A-54 Lugo-Santiago e reclamar medidas de protección. No informe que presentan sinálase a excepcionalidade do conxunto arqueolóxico descuberto, anexo ao poboado da Idade de Ferro Castro Valente. Trataríase de dúas necrópoles, unha de inhumación e outra de incineración, a Chousa do Rodeiro ou Chousa do Castro.

“Este achádego foi cualificado polos arqueólogos como excepcional e único no territorio galego, está inicialmente datado na última Idade de Bronce e afirman, aínda con todas as cautelas, que podería ser a necrópole ou cemiterio do castro” explican. Reclámanlle á Fiscalía que faga cumprir a Lei de Patrimonio e que se desenvolvan as investigacións para dirimir as posíbeis responsabilidades penais do Ministerio de Fomento, coa colaboración da Xunta, con respecto á decisión sobre o trazado sen ter en conta os informes preceptivos dunhas escavacións que aínda están en marcha. 

Comentarios