A Comisión de Igualdade identifica 88 colectivos feministas

A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega vén de presentar o informe “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia”, resultado de anos de compilación de documentacións e distintos materiais das organizacións feministas. As autoras, Carmen Pérez Pais e Mariam Mariño identificaron 88 entidades na historia recente do momento. 

Carme Pérez, Rosario Álvarez, Mª Xosé Agra e Mariam Mariño
photo_camera Carme Pérez, Rosario Álvarez, Mª Xosé Agra e Mariam Mariño

Revistas, faixas, volandeiras, faixas, lápises, cartaces, folletos, colantes, actas de xuntanzas... a Comisión de Igualdade vén recuperando desde o 2005 en arquivos e casas particulares os materiais que documentan a historia do movemento feminista galego. Resultado dese traballo coordinado pola profesora da Universidade da Coruña Carmen Pérez Pais e a técnica da Comisión de Igualdade Mariam Mariño, publícase agora o volume “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia”, tamén con acceso na rede, na que se dá conta da metodoloxía, das fontes consultadas e do resultado do traballo desenvolvido. 

“Non existía ningún proxecto de recuperación do movemento feminista e comezamos achegándonos aos arquivos, en especial das propias organizacións xa que comprobamos que onde era máis difícil recuperar a memoria era nos movementos de base” comenta Mariam Mariño. O traballo cos arquivos de Alecrín, MNG, AGM ou Fundación 10 de Marzo ocuparon boa parte do traballo destes anos. 

No proceso, a Comisión de Igualdade recibiu importantes aportes materiais, como o fondo do centro Alecrín no que se atopaban, entre outras, 35 pancartas que houbo que restaurar para a súa conservación. “Temos a pegada de 88 colectivos que tomaron parte do movemento feminista galego” afirma Mariam ao tempo que destaca a relevancia do traballo para identificar as entidades, colectivos e organizacións que partillaron das loitas feministas. 

Dezaoito metros de baldas

“Dezaoito metros de baldas e varias carpetas”. Así taxa a profesora Carmen Pérez País o volume de material recompilado, ao coidado agora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. “A partir de toda esta información, os datos remiten aos propios colectivos e grupos, ás persoas que conservan a documentación e tamén a fundacións e arquivos”, explica anotando tamén que todo o material que se recolleu por medio de doazón ten ao tempo permiso de difusión. A relación é inmensa, no fondo atópanse actas de xuntanzas, globos, pulseiras, lápises, impresos de afiliación, contabilidade de entidades, facturas, gravacións sonoras, folletos ademais ademais de pancartas e faixas, pezas únicas que non se conservan en case ningún arquivo. “Non hai ningunha biblioteca na que se atopen as revistas do movemento feminista que agora están neste fondo” sinala. 

A coordinadora da Comisión de Igualdade, Mª Xosé Agra, agradeceu a todas as persoas e entidades que abriron casas e arquivos e fixo un chamamento para que se seguisen aportando materiais para un fondo único á hora de reconstruír a historia do movemento feminista galego e gardar pegada de cara ao futuro. “É urxente continuar co traballo e que a xente saiba que o material será recollido, procesado e posto á disposición pública. Trátase dun labor fundamental para botar luz sobre un movemento no que, infelizmente, segue sen gozar do tratamento histórico que merece. A historia oficial fai un rexeitamento cando non un ocultamento do feminismo” apunta. Pola súa parte, a vicepresidenta do Consello, Rosario Álvarez destacou a importancia para o futuro de reunir a información documental do feminismo nun arquivo que será referencia para investigación e difusión. 

Comentarios