A AELG entrega os seus premios na Gala das Letras que terá lugar no Ágora da Coruña

O sábado ás 20 horas coñeceranse as persoas e obras gañadoras dos premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega nunha gala que terá lugar no Centro Ágora da Coruña. A narradora portuguesa Lídia Jorge será recoñecida como Escritora Galega Universal.  A gala, aberta ao público,contará coas actuacións musicais de César Morán e Uxía.

Lídia Jorge
photo_camera Lídia Jorge

Máis de catrocentos socios e socias da AELG votaron xa as candidatas das distintas categorías que se darán a coñecer na gala aberta ao público que terá lugar o sábado día 4 ás 20 horas no Centro Ágora da Coruña. Obras editadas no trancurso do ano 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística recibirán os galardóns que desde hai catroce anos entrega a AELG


En narrativa, A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais) As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais) Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia), Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais) e Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia) optan á categoría de mellor obra de 2012. En canto poesía, a seleccionada estará entre  Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos), emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora), Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior), O silencio, de Mario Regueira (Xerais), Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Factoría K de libros) e ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais). Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais), O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais), O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia) e Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais) son as obras seleccionadas no apartado de literatura infanto-xuvenil. Na categoría de ensaio son finalistas, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais), O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento) e Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais). Dúas obras de Laiovento, Novo teatro fantástico de Manuel Lourenzo e Banqueiros, coordinada por Francisco Pillado optan a mellor texto teatral. Blogues literarios, traxectoria no xornalismo cultura e tradución levarán tamén premio na gala da AELG. 


Catro premios con nomes

Á marxe do recoñecemento á narradora Lídia Jorge como Escritora Galega Universal, tres premios da AELG teñen xa nome. A asociación da literatura galega homenaxea a Manuela Cortizo e Ángel Rivas na súa condición de “Mestres e Mestras da Memoria” “por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa literatura popular tradicional”. En canto ao premio Institucións que se outorga a quen contribuíse de maneira destacada a divulgar a lingua e a cultura galegas, desta volta, a AELG recoñece o papel do asociacionismo cultural representado por entidades nacidas nos 60 e 70, a Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, e Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra. Finalmente, os humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” recibirán a distinción Bos e Xenerosos.


 

Comentarios