Os 40 anos do Carrabouxo chegan á Coruña

A mostra que percorre estas catro décadas exponse na Alexandre Bóveda.

carrabouxo coruña
photo_camera María Xosé Bravo, Xosé Carril e Xosé Lois

A AC Alexandre Bóveda acolleu este sábado a inauguración da mostra sobre os 40 anos do Carrabouxo, catro décadas de vida da popular creación de Xosé Lois González Vázquez (Ourense, 1949), coñecido como Xosé Lois.

A mostra, impulsada pola Federación Galiza Cultura, conta coa colaboración das deputacións da Coruña e Ourense e vai percorrer digerentes cidades do pais.

A mostra percorre catro décadas da obra deste humorista, a través de viñetas seleccionadas por el mesmo, desde 1982 até 2022, unha por ano, ademais doutros debuxos aparecidos en diferentes medios. "Permitinme a vaidade de incluír tamén un debuxo da miña neta", confesa Xosé Lois, que está preparando, ademais, unha antoloxía do Carrabouxo que publicará Galaxia. "Tiven que escoller 400 viñetas de entre 15.500 publicadas, pero espero que quede unha obra ben xeitosa", manifestaba a Nós Diario a finais de 2023

O humor, para Xose Lois, consiste en coller a realidade, esnaquizala en anacos e logo coller un para mostralo. "É unha definición do humor gráfico que daba Castelao e que me pareceu sempre moi interesante. O que habitualmente chamamos sacarlle punta ás cousas, en realidade adoptar un punto de vista determinado para destacar algún elemento que teña significación política, social ou ideolóxica. Esa punta que se saca serve para picar a complicidade da sociedade". 

Castelao segue sendo unha referencia inescusábel. "Era un artista auténtico que soubo como ninguén tomarlle a medida ao humpor popular, eu son máis perralleiro", ri. 

Máis tamén Forges tivo importancia na súa formación. "Forges era un fenómenso social e eu sempre atribúo o seu éxito á súa tripla procedencia: o seu pai era galego, a súa nai, catalá, e el nacera en Madrid. Combinaba a retranca, o seny e o cheli. Tamén el xogou moito coas palabras do castelán". 

"O Carrabuxo manterá o espírito  que ten desde que naceu, aínda que, claro, tamén seguirá adaptándose aos tempos, como vén facendo desde aquela. O que vexo é que a xente segue gostando das súas viñetas e dos seus xogos de palabras; e mentres á xente lle guste, el seguirá presente coas súas cousas", afirmaba.

Xosé Lois pasou a súa infancia en Osmo (Cenlle), até que aos dez anos muda para Chantada. Estudou na universidade laboral de Zamora e fixo a carreira de telecomunicacións en Alcalá de Henares.

Traballou como xefe de Telecomunicacións en Ourense até a súa xubilación en 2009, labor que compartía coa súa faceta de humorista gráfico. Foi membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense e presidente deste colectivo durante 13 anos.

Colabora con regularidade nos xornais Nós Diario e La Región .

Comentarios