''Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía''

A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira
photo_camera Imaxe de laisecaestevez.blogspot.com

Ben sei que non hai nada novo en baixo do ceo
Que antes outros pensaron as cousas que ora eu penso
E ben, ¿para que escribo? E ben, porque así semos 
Relos que repetimos eternamente o mesmo


Os versos que preceden estas liñas saíron da pluma dunha muller "inmortal" que faleceu, porén, hai hoxe 127 anos: Rosalía de Castro. "Está viva, e está vivo o seu discurso. Hai un activismo sobre a súa figura non só desde o punto de vista literario, senón desde o punto de vista social, que non houbo desde 1885".

Un activismo artellado ao redor da necesidade de fuxirmos do tópico da poeta que lle canta aos ríos, ás fontes e aos sentimentos para centrármonos na outra poeta, na rebelde, na que foxe dos xugos do seu home para porlle voz a un feminismo que non encaixaba co conformismo dos anos nos que lle tocou vivir. Ao redor tamén do desexo de reivindicármos a Rosalía nacionalista, a que escribiu aquelo de 'Pobre Galicia non debes chamarte nunca española, que España de ti s'olvida', e moitas outras palabras que non veñen nos libros de texto.

Contra a santiña Rosalía
"É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas". Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que "a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas", recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. "A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando", incorporando a lectura social, política, feminista e estética. "Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos".

En 2007 a Xunta de Galiza encargou a tarefa de traer ao século XXI á poeta. Un ano despois publicábase un disco homónimo ao proxecto, Rosalía 21, dez poemas 'esquecidos' onde Guadi Galego puxo a voz, Abe Rábade a música e Anxo Angueira a gorxa para as pezas recitadas. "Foi unha proxección nova, a Rosalía vinculada á música jazz, ela dá para todo! Para o folk, para o clásico, para o jazz e para o rap", di, emocionado, lembrado o libro-disco de Aid en que a artista de Vigo rapea os versos da poeta de Padrón.

Feminista, nacionalista, ousada, rebelde
Daquel proxecto fixeron parte versos que falan dunha autora adiantada ao seu tempo; dunha nacionalista empedernida que reclama unha identidade cultural; unha muller que se rebela contra as clases e mesmo contra a Igrexa, a pesar de estar en entredito se ela propia era filla dun fraile. Todo isto colocado fronte á imaxe da Rosalía choromiqueira, da costumista, que nos ensinaron na escola, que semellaba cantar só para os ríos, as fontes e os regatos pequenos.

"Como se fala de Rosalía? Como se explica a Rosalía? Léndoa!" Anxo Angueira é profesor de Secundaria, de Universidade e chamárono en reiteradas ocasións para achegar ás crianzas a figura da muller rebelde que non sae nos libros. Así que podemos dicir que pon voz aos seus poemas día si, día tamén. Emociónase ao lle preguntarmos por esta parte da didáctica que exerce con tanto pracer.

"Son textos cargados de crítica, de subxectividade, dun descenso ás profundidades do 'eu' que non se ten visto en todo o século XIX". Desde a fundación que agora preside propúxose o reto de proxectar a figura da poeta "a toda a sociedade, porque ela non é de ninguén", mais tamén unha reclamación política para que os grupos con representación no Parlamento Galego "asuman que o que vén debe ser o ano de Rosalía". Cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.

Di Angueira que, fóra dos clásicos, goza especialmente recitando a costureiriña, o Miña Santiña, un alegato contra as apariencias en que a compoñente de clase vai até na roupa. 'Fuxir da lama quen naceu nela, deus cho perdoe, probe Manuela! Lama con honra non mancha nada, nin seda limpa honra emporcada', escribiu Rosalía. Mais "ultimamente gosto da Alborada".

No contexto "convulso" social e económico en que se atopa o noso país "que mellor que reivindicarmos a unión que pode haber detrás de Rosalía, a súa ousadía, a súa resistencia e, sobre todo, a mensaxe de esperanza que eu atopo na Alborada". 'Vaite noite vai fuxindo, vente aurora vente abrindo co teu rostro, que sorrindo a sombra espanta'. Ao outro lado do fío, Angueira arríncase a recitar os versos que pechan os Cantares Gallegos. "É extraordinario, e moi pertinente para os tempos que vivimos. Ti colles o prólogo e atopas un discurso moi intelectual dunha muller que ten claras as coordenadas sociais e políticas do seu pobo".



Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20h

  • A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco
  • Xesús Alonso Montero
  • Xosé Ramón Barreiro Fernández
  • Poetas con Rosalía: X.R. Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra
  • Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro
  • Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro

Comentarios