XURXO GONZÁLEZ, COORDENADOR DO A FONDO

“Sen este tipo de arquivos moitos documentos estarían destruídos”.

Nos últimos tempos, varias iniciativas xurdidas da base social están a recuperar as imaxes da nosa memoria. Son arquivos tan voluntarios como necesarios. Abordámolo no A Fondo que, conxuntamente co semanario Sermos Galiza, verá a luz esta quinta feira 9 de abril.

31/05/11. Entrevista a Xurxo Gonzalez, director de Vikinland.

-Estamos nun momento de eclosión na recuperación da memoria a partir da creación de arquivos audiovisuais que xorden de maneira voluntaria...

-Vivimos no tempo onde hai unha constante exhortación da memoria. No cinema industrial é motivada por unha crise heurística [a arte, a ciencia da descuberta] polo que proliferan os remakes e as linguaxes vellas e valorase en exceso o inventario de produción. Na televisión tamén se constata con series sobre o pasado ou con programas que teñen como escusa sacar á luz material de arquivo. Mais esta patoloxía de incentivar a memoria dáse tanto a nivel de grupos de comunicación como a nivel máis próximo, na comunidade dun territorio reducido.

- Mais son iniciativas á marxe das institucións... A que se debe?

-As institucións teñen dinámicas máis lentas e estas propostas de arquivo baséanse moitísimo na tecnoloxía e na participación cidadán. A administración ten que buscar a maneira de converxer e potenciar. Nalgúns casos son fórmulas de arquivo totalmente comprobadas e que, con pouco orzamento, teñen uns réditos culturais e sociais moi grandes.

"Estas prácticas de arquivo permiten afondar nas singularidades, procuran unha rede de relacións entre os veciños, axudan a vertebrar o territorio..."

-Cal é a importancia deste tipo de iniciativas para as comunidades?

-Estas iniciativas o que fan é unha valoración do que se ten na proximidade e se proxecta cara ao exterior. Estas prácticas de arquivo acoutadas no territorio permiten afondar nas singularidades, procuran unha rede de relacións entre os veciños, axudan a vertebrar o territorio, protexen o patrimonio, dan visibilidade turística, establecen sinerxías cos axentes sociais e culturais e potencian o sentimento de identidade.

-Con que iniciativas contamos en Galiza ao respecto?

-Sobre todo hai dous tipos segundo o respaldo: a maioría son iniciativas propulsadas por asociacións culturais e as menos son propostas que teñen respaldo municipal.

-De que iniciativas concretas se falará no A Fondo?

-Neste A Fondo fixámonos en catro iniciativas. Fálame de San Sadurniño é o exemplo dunha proposta que, co respaldo municipal, vertebra todo un concello, O Faiado da Memoria, de Vilagarcía de Arousa, serviranos para analizar os arquivos onde a fotografía ten máis peso, o Proxecto Socheo da Guarda interésanos pola problemática dun arquivo construído exclusivamente polo audiovisual e finalmente tamén falaremos do traballo referencial de Ao Norte de Viana do Castelo e as súas redes sobre o real.

-En que estado se encontran os arquivos audiovisuais galegos? Que achegan este tipo de arquivos, que xorden das comunidades, fronte a eles?

-A min gústame dicir que estas propostas de arquivo son como testamenteiros, que coidan dun patrimonio dunha maneira provisional ata que cheguen a estar en mellores condicións. Isto significa que a situación destes arquivos é deficitaria respecto ao que sería ideal. Mais tamén hai que pensar que sen o traballo desinteresado deste tipo de arquivos moitos documentos estarían destruídos.

"Estas propostas de arquivo son como testamenteiros, que coidan dun patrimonio dunha maneira provisional ata que cheguen a estar en mellores condicións. "

- Que discursos están neste artigos que non están nos oficiais?

-O que caracteriza estes arquivos é que o interesado pode facer lecturas individualizadas sen condutismos. Os discursos veñen dados polo interese do individuo, pola súa capacidade de relación e seu poder conclusivo. Normalmente son discursos adaptados ao próximo que son moito máis efectivos e prácticos que os impostos desde as macro-estruturas. E sobre todo son discursos feitos desde a liberdade cun menor grao de perturbación política.

- Neste A Fondo entrevistaches o arquiveiro Alfonso Cascudo, quen abonda nos baleiros legais. Cales son?

Pois que a nova Lei de Documentos e Arquivos de Galicia (7/2014) aprobouse o ano pasado e todas estas propostas non están reflectidas nin bosquexadas. Dito isto, o futuro que lle agarda a estes arquivos será un limbo legal problemático xa que vai achegar atrancos para darse a ver na comunidade e, por outro lado, a administración seguirá a anos luz destas iniciativas tendo moi difícil a súa supervisión e establecer colaboracións.

-A creadora de contidos audiovisuais, María Yáñez, sistematiza para este A Fondo os retos pendentes. Cales son os máis urxentes?

-Ela fala dos retos pendentes dun lado da folla do arquivo, que é o da súa proxección e visualización na rede. Mais o envés destes arquivos ten unhas problemáticas máis humanas onde hai un protocolo de proximidade moi complicado: sortear as presións sociais e políticas, chegar aos veciños, convencelos, distinguir entre copia e orixinal, a dixitalización, a catalogación, conservación... Un proceso duro e complicado, desagradable por momentos mais enormemente gratificante cando se consegue que un documento poida ser gozado por todo o mundo.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios