#sermos132: a lingua é o que somos

Detémonos na convocatoria do #8F polo futuro do galego, entrevistamos ‘Pachi’ Vázquez ou o director de ‘Ciutat Morta’, e mergullámonos no que fica do fraguismo 25 anos despois ou o decreto ‘3+2’ que quer impoñer desde Madrid. Todo isto, e máis, neste semanario, disponíbel na nosa loxa

capa

'Polas fillas dos nosos fillos' é o lema da manifestación nacional que Queremos Galego convocou para este domingo en Compostela. Unha cita para a reivindicación e a emoción que debullamos en ‘#8F: un pobo vivo que sae ás rúas para defender o futuro da súa lingua’. Neste #sermos132 entrevistamos o ex-secretario xeral do PSdeG, co que falamos do seu procesamento polo TSXG, da situación d@s socialistas nun tempo político que el propio cualifica de “convulso” e de Feijóo.

En ‘Madrid impón un novo decreto universitario’ damos voz os diferentes colectivos universitarios para que falen e nos informen sobre que sipón e que hai detrás da última proposta do Estado español en materia educativa, o decreto ‘3+2’.

Queda algo do Fraguismo?

Cúmprese un cuarto de século da primeira toma de posesión de Manuel Fraga como presidente da Xunta, apertura dun réxime activo pero sospeitoso de corrupción e con pés de lama que durou quince anos e que, malia importantes diferencias, foi escola de persoas e de formas para o actual goberno galego de Feijóo, que só reivindica a Iribarne en actos de partido, poucas veces como argumento externo. Que fica del 25 anos despois? Tratámolo neste número.

O secretario xeral da COG fala da integración deste sindicato na CIG nunha entrevista na que se debruza sobre o panorama sindical e laboral do país.

E conversamos cun dos directores de Ciutat Morta, Xavier Artigas, que estivo no noso país pola proxección do filme en diferentes espazos de Compostela. Nove anos despois dos acontecementos, o relato do filme, di, "é máis actual que nunca".

Fútbol sala feminino

Cinco equipos na Primeira División feminina –Cidade das Burgas, Burela Pescados Rubén, no fútbol sala feminino Ourense, Poio Pescamar e Viaxes Amarelle de A Coruña- e outros tres na categoría masculina -Burela Pescados Rubén, Prone Lugo e Santiago Futsal- teñen convertido a Galiza na referencia incontestábel do fútbol sala no Estado español. unha forte presenza que analizamos neste número. E entrevistamos a Manuel Blanco, presidente do Burela.

En Viaxes na Miña Terra percorremos da man do Colectivo Xea a Ruta de Xabriña, que vai desde a Serra de Paradanta até Mondariz.

Na sección de Textos publicamos un adianto de ‘A identidade fascinada’ (Galaxia), unha novela na que se fai unha crónica da Compostela universitaria dos anos 80. “A Compostela universitaria dos oitenta é un tema ensaístico e narrativo por explorar” confésanos Antonio Piñeiro, o autor da novela.

O deseñador Antón Lezcano, de Nicetrip cóntanos desde a contra-capa do nº132: “Parece que hai interese en eliminar a creatividade galega".  

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios