LYDIA GÓMEZ, EXPERTA EN VIOLENCIA DE XÉNERO

"Redúcense drasticamente os servizos de atención e privatízanse os que quedan"

Gómez supervisa centros de acollida para mulleres en situación de violencia de xénero en todo o estado. É testemuña directa dos recortes na atención ás superviventes. A súa entrevista aparece na última entrega do A Fondo, nos quiosques e na nosa loxa.

lydia

Lydia Gómez Valverde é socióloga, psicóloga social e psicanalista. Ten unha longa traxectoria no eido da saúde mental, nomeadamente con mulleres. Coordena o Punto do Observatorio Rexional sobre Violencia de Xénero da Mancomunidade Las Vegas, da Comunidade de Madrid.

-Lydia, estamos encantadas de contar contigo para esta entrevista, sobre un tema que ti, sen dúbida, dominas teórica e practicamente, así que imos entrar no tema polo miúdo. Nos últimos 10 años producíronse no estado cambios importantes nas políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, para mellor ou para peor?

-Pois, a verdade é que á alegría inicial sucedeulle o escepticismo e, nos últimos tempos, a indignación. A maioría das denominadas ‘políticas de igualdade’ quedaron en declaracións de principios, que raramente se concretan en regulacións que impliquen o tecido social e laboral. A pobreza, o desamparo, o desemprego e a discriminación laboral seguen tendo face de muller, así como as persoas encargadas de atender as e os dependentes. As axentes de igualdade, son cada vez máis difíciles de atopar. Non é, tamén isto, violencia de xénero?

-E canto á responsabilidade dos poderes públicos na habilitación de recursos de axuda ás mulleres, mesmo no mantemento dos existentes?

-A Lei Integral de hai 10 anos supuxo a posibilidade de dotar de mellores recursos o traballo coas mulleres. A día de hoxe, os recortes orzamentarios dificultan enormemente o labor. Proponse unha atención integral que exclúe as profesionais (salarios precarios, inestabilidade laboral...). A saúde das mulleres, das profesionais e da propia intervención non se teñen en conta. Mesmo, ás veces, se dificulta a comunicación, o intercambio e a coordinación entre profesionais e, desde logo, non se establecen recursos de apoio aos equipos (supervisión, formación continuada...). Semella que o feito de que a maioría das profesionais sexan mulleres, co rol que o patriarcado lles atribúe como coidadoras abnegadas e sacrificadas, ten que ver no trato discriminatorio que reciben. Por último, redúcense drasticamente os servizos de atención e privatízanse os que quedan, saíndo a concurso cun único criterio de selección: a baixa económica, como se os proxectos que sosteñen un traballo deste tipo non importasen.

"Semella que o feito de que a maioría das profesionais sexan mulleres, co rol que o patriarcado lles atribúe como coidadoras abnegadas e sacrificadas, ten que ver no trato discriminatorio que reciben."

-O termo ‘vítima’, referido ás mulleres en situación de violencia de xénero, está sendo cuestionado desde algúns sectores do feminismo, cal é a túa opinión ao respecto?

-Recoñecer que na violencia de xénero hai unha vítima e que esta é muller é importante, porque supón a aceptación da existencia dun delito contra ela. Porén, a palabra vítima ten un contido de pasividade, que é un dos trazos atribuídos ao estereotipo de xénero feminino. Asemade, obvia unha realidade cotiá das mulleres: a cantidade de estratexias de supervivencia que poñen en xogo cada día, tanto para elas como para as súas fillas e fillos. En suma, eu prefiro chamarlles sobreviventes, porque isto resalta a súa posición activa e pon de manifesto a cantidade de recursos e capacidades que teñen, aínda que elas mesmas non sexan conscientes de telos. Podelos visibilizar con elas é un traballo de empoderamento e de recuperación da estima propia.

"As axentes de igualdade son cada vez máis difíciles de atopar. Non é, tamén isto, violencia de xénero?"

-Desde o teu punto de vista, na intervención con mulleres, protocolización ou construción de modelos integrais (e radicais) para a abordaxe do problema?

-Os protocolos valen, na intervención interinstitucional, porque axudan a evitar a ‘vitimización secundaria’. Por exemplo, o traxecto dunha muller dunha instancia a outra, tendo que dar conta da súa situación en cada unha delas, repetindo unha e outra vez a súa historia e a súa realidade, resulta extenuante e é propiamente un maltrato, que xera desesperanza e sentimento de estar a ser xulgada. Os recursos deben estar ao servizo das mulleres e non á inversa. Porén, a proliferación de protocolos vai xerando unha rede que se enreda, que semella pretender cubrir todas as incidencias e supostos con respostas anticipadas, que remata por anular a singularidade de cada caso. Prefiro, como ti dis, un modelo de intervención integral, un acompañamento a cada muller na súa traxectoria singular e ao ritmo do seu proceso. Con profesionais de referencia que se coordinen con todos os recursos.

"Prefiro un modelo de intervención integral, un acompañamento a cada muller na súa traxectoria singular e ao ritmo do seu proceso."

-Cales son as claves dunha boa práctica profesional na intervención coas mulleres?

-Sen dúbida, o respecto pola súa subxectividade, pola súa historia e polo ritmo do seu proceso. Se a muller se sente suxeito activo da súa historia, ten a posibilidade de intervir nela e coller as rendas da propia vida. Se abordamos a intervención de que a muller precisa guía e de que somos nós (as profesionais) quen sabemos, colocámola (aínda sen querelo) na posición de violencia na que viviu ou vive: a de quen se debe someter a unha tutela para chegar a ser ‘o que debe ser’. Con isto apunto a que todos os recursos sociais, psicolóxicos, legais, de seguridade, etc., deben ter como obxectivo: asemade da súa recuperación emocional e de garantir o seu acceso aos medios económicos, de vivenda, laborais e legais que lle permitan levar unha vida autónoma e segura, lograr que ela se considere a si mesma coma un recurso fundamental e como suxeito de dereito.

-Gustaríache engadir algunha outra cousa?

Siiiiii! Pero mataríasme e con razón!

 A ilustración que acompaña esta entrevista é a reprodución da páxina 5 do A Fondo "As outras violencias de xénero" que apareceu publicado a quinta feira 20 de novembro e que tedes a voso dispor nos quiosques do país ou na nosa loxa.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios