xoves 21/10/21

Quique Casanova, un bo e xeneroso

Publicamos a seguir un artigo de Mario Outeiro, portavoz do BNG no Concello do Corgo, sobre o recente falecemento de X. Enrique Casanova, accionista e asinante de Sermos Galiza.

X. Enrique Casanova
X. Enrique Casanova, nun mitin do BNG


Ao escribir este artigo sinto unha sensación agridoce. A tristura de desobedecer a un amigo que non gustaba de gabanzas e moito menos públicas, pero a responsabilidade de honrar a un dos persoeiros máis significativos do Corgo a nivel social, político e forestal das últimas décadas e de espallar a súa loita para exemplo da cidadanía.

Se algúns adxectivos permiten definir a súa traxectoria, eses serían a bondade e a xenerosidade; porque Enrique era un home da reducida estirpe dos BOS e XENEROSOS, e porque ao longo da miña vida poucas persoas tiven diante da talla humana do compañeiro que acabamos de perder. A maiores, el era a personificación da pureza e a transparencia que a todos os que participamos na política se nos debe esixir.

O día seguinte do seu pasamento, pero no 1936, referendábase nas urnas, e case dun xeito unánime, o Estatuto de Galiza. Estou seguro de que se tivese a oportunidade de estar presente nun día da historia do país sería ese. Todo un pobo berrando clamorosamente os principios que el defendeu durante toda a súa vida. Unha xornada histórica para Galiza tristemente borrada, vinte días despois, polo levantamento franquista. 

Xustiza social e amor por un pobo

Porque a Quique movíao a xustiza social e a liberación do pobo galego. Dúas coordenadas que facían que a súa única casa política fose a do Bloque Nacionalista Galego. Unha xustiza social que pasou a ser toda unha obsesión dende o comezo da crise económica e o amor por un pobo, Galiza, que ía máis aló dos seus sinais identitarios e que se materializaba en todos e cada un dos seus cidadáns. El tiña moi claro que ambas cuestións nunca poderían ir separadas e que o benestar social só podería chegar nunha nación liberada.

Para as xeracións máis novas, Enrique era corgués. Coñecémolo afincado no Val de Gomeán, pola súa traxectoria política, non en van, encabezou as candidaturas do BNG do Corgo no 1999, no 2003 e no 2007, e colaborou activamente nas campañas do 2011 e 2015 nas que foi de segundo. En 16 anos de concelleiro fixo unha oposición construtiva, facendo de intermediario útil coas institucións gobernadas polo BNG (Xunta e Deputación) para conquerir melloras importantes para o concello, trasladando os problemas das veciñas e veciños ao pleno, votando sempre co Corgo por diante aínda que o resultado dese voto non fose electoralista, organizando actos informativos e participando nun ambiente de respecto e cordialidade entre a corporación que debería ser exportable a todas as cámaras de participación política. Oxalá o exemplo de Enrique sexa o espello no que nos miremos todas e todos nesta lexislatura que comeza.

"Mais Quique non era un político 'dos do ego subido'. Sempre tivo claro que era un peón no taboleiro. Unha persoa discreta, humilde e traballadora pola causa"

Mais Quique non era un político “dos do ego subido”. Sempre tivo claro que era un peón no taboleiro. Unha persoa discreta, humilde e traballadora pola causa. Nunca acaparou, nin ansiou cargos, todo o contrario! Traballou dun xeito incansábel para rodearse de xente nova que se decidise a tirar do carro cando as circunstancias o permitisen. Era dos que intentaba por todos os medios que medrara a herba ao seu redor.

Tamén o coñecemos como activista social na compaña da súa dona, Chelo Vázquez, xa que foi inspirador e membro fundador da activa Asociación Cultural Arumes do Corgo, que cumpre no mes de outono dez anos de vida, do Centro de Estudos do Corgo ou do Club de Atletismo Arumes-Área 10. Tamén escribiu na revista Corga os seguintes artigos: “Fórmulas de propiedade comunal dos montes do Corgo” (2010), “A fervenza. Reserva da biosfera” (2012) e “Pontes históricas do Corgo” (2013).

Pero a faceta que transcendeu dos límites xeográficos corgueses foi a de Axente Forestal, unha vocación convertida en profesión na que deixou os seus folgos e a vida. Durante máis de catro décadas traballou con rigorosidade polos nosos montes e foi respectado exemplo para os seus compañeiros sendo con maiúsculas o claro significado da función pública.

É máis que obvio que Quique deixa un baleiro irreparable na vida municipal do Corgo en moitos ámbitos, mais Enrique non era corgués, era de Rubiás, e a súa traxectoria debe ser unha referencia para todas e todos os que tivemos a sorte de nacer neste concello.

Marchou envolto na estreleira mentres o himno de Galiza rachaba o respectuoso silencio de Rubiás. Tamén levou consigo un Sempre en Galiza, o seu libro de cabeceira e unha fonte limpa e clara na que bebemos os nacionalistas coma el. Varias persoas coincidimos en lerlle o primeiro capítulo do Adro xa que este era un fragmento que definía á perfección a súa personalidade. Enrique tiña unha visión da realidade política profunda, rigorosa, realista, global e sobre todo práctica, fóra do común. Non era nin un “farsante, nin un coitadiño”, foi como dicía Castelao, “un home de verdadeira fe nos ideaes que predica e con coraxe para remediar as desventuras do pobo”.

"Que a túa forza mentres viviches sirva de guieiro para todas e todos os que te coñecemos e que quedamos orfos/as"

Estimado Quique, como “pai político”, fuches un dos dous fieis lectores dos meus artigos semanais e polo tanto comentarista dos mesmos. Estou seguro que este non, non sería do teu agrado, síntoo! Tómao como modesto homenaxe dun compañeiro de partido, e pese a iso, amigo (nos tempos que corren, é importante aclaralo). Que a túa forza mentres viviches sirva de guieiro para todas e todos os que te coñecemos e que quedamos orfos/as. Se a morte non te roubara tan axiña estou seguro que non pedirías nin necrolóxicas, nin flores para o teu funeral deixaríasnos, como bo mestre, traballo e máis traballo polo Corgo e por Galiza.

P.D. Por expreso desexo da súa viúva, gustaríame trasladar o agradecemento polo apoio ofrecido por centos e centos de persoas durante esta triste fin de semana.

comentarios