Anxo González Guerra traballou en proxectos de docencia usando as TIC (Premio á innovación educativa sobre os temas transversais. 2004, Xunta de Galicia). En 2013 foi premio Premio Nacional de Educación á utilización das tecnoloxías da información e a comunicación na docencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Levamos xa dous anos feitos no dixital e estamos a piques de os facermos no quiosque, como valora o proxecto xornalístico Sermos Galiza?
Todos os xoves recibo o Sermos en papel e case todos os días lle boto un ollo ao dixital. Espero que siga así moito tempo e non sexa outro proxecto que acabou esmorecendo
Vostede foi premio á utilización das tecnoloxías da información e a comunicación na docencia. Que posibilidades ve para o uso da imprensa dixital como ferramenta de aprendizado nas aulas?
Véxoo imprescindíbel. Nas clases de Lingua Galega e Literatura precisamos medios galegos e con información desde a óptica galega, non simples xornais traducidos que reproducen as mesmas cousas de sempre
Sermos é o único semanario en lingua galega, como ve a realidade da lingua na imprensa deste país?
Bastante a ermo, por desgraza. Hai moito galego nas redes sociais, nos blogs pero non na imprensa tradicional.
Na actualidade hai quen prognostica a desaparición dos textos xornalísticos impresos. Vostede que razóns daría para a permanencia da imprensa escrita en galego?
Hoxe penso que deben convivir o papel e a Internet. Somos bastantes os que nos movemos pola rede a diario, mais tamén nos gusta sentar a ler o xornal en papel tomando un café ou na casa ao chegar do traballo